jueves, 7 de octubre de 2010

ACNUR protexerá especialmente aos homosexuais perseguidos pola súa condición

Xenebra, 1 de outubro de 2010 (EFE).
O Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) vai modificar a súa normativa interna para dar máis atención ás persoas perseguidas pola súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero. Este grupo inclúe a gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e hermafroditas que son perseguidos no seu país pola súa condición e que foxen buscando refuxio.
"Ata agora non facíamos especial fincapé en detectar e axudar a este colectivo. A partir de agora queremos que os nosos traballadores no terreo detecten a estes individuos e os coiden especialmente, dado que son susceptibles de ser vítimas de violencia mesmo nos campos de refuxiados e nos países de acollida", sinalou en roda de prensa Melissa Fleming, portavoz do ACNUR.
A organización levou a cabo unha investigación específica ao respecto e concluíu que, "no ciclo do desprazamento dos seus fogares, este colectivo enfronta perigo, dificultades e discriminación". "O ACNUR considera que este risco é significativo e non debería ser ignorado", sinalou Fleming, quen instou aos países membros a aplicar políticas de especial protección para este colectivo.
A portavoz lembrou que en moitos países a homosexualidade e a transexualidade están criminalizadas e que, por tanto, cando os individuos deste colectivo están obrigados a fuxir e refuxiarse noutros países, ocultan a súa verdadeira identidade. "Ante esta especial vulnerabilidade, intentaremos que os nosos axentes no terreo os detecten e soliciten aos países de acollida que os protexan especialmente".
Setenta e oito países no mundo contan con lexislación que criminaliza aos seus cidadáns en función da súa identidade de xénero ou da súa orientación sexual. A Convención do Refuxiado de 1951 especifica que un refuxiado é aquela persoa que é perseguida no seu país de orixe en razón da súa raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un grupo social particular ou opinión política.
No 2008, o ACNUR incluíu no apartado "pertenza a un grupo social particular" a toda aquela persoa perseguida pola súa orientación sexual ou identidade de xénero.

No hay comentarios: