lunes, 6 de diciembre de 2010
Nova Deli celebra a despenalización da homosexualidade
A capital de India vive o primeiro desfile do orgullo gai desde que se anulou unha lei colonial que castigaba as relacións homosexuais ata con 10 anos de cárcere.
Esta é a primeira vez que non somos criminais por manifestarmos a nosa homosexualidade abertamente. "Por fin podemos celebrar a diversidade sexual", dicía hoxe nas rúas de Nova Deli o cineasta Ranjeev Monga. A de hoxe é a terceira marcha do orgullo gai, en tres anos consecutivos. Pero é a primeira despois de que o Tribunal Supremo de Nova Deli revocase en xullo de 2009 a lei 337 do Código Penal, que se remontaba a 150 anos atrás e que cualificaba as relacións sexuais homosexuais como unha "ofensa antinatural", castigándoas ata con 10 anos de prisión. Aínda que foi aplicada en moi poucos casos, a comunidade gai asegura que era unha arma da policía para acosalos constantemente.
A capital india celebra por terceiro ano a marcha do orgullo gai, que este ano celebrou a recente despenalización das relacións homosexuais no país.
As cousas están a cambiar moi rapidamente en India, explica Monga. "Eu medrei traumatizado porque ninguén me aceptaba, pero nos últimos tres anos vese moita máis apertura na sociedade. Agora estamos aquí bailando en público", di. Aínda que non foi un camiño doado: a súa familia presionábao para que tivese un matrimonio heterosexual e tivese fillos "e despois fixese o que quixese ás agochadas". Pero o cineasta asegura que non quixo levar unha dobre vida, como a que moitos homosexuais se ven obrigados a levar na India.
O desfile de hoxe foi moito máis festivo e máis concorrido cós anteriores. Miles de persoas marchaban entre bandeiras e globos multicolores. A presenza policial foi moito menor e máis relaxada (o primeiro ano había case tantos policías como manifestantes). "Agora xa non
nos poden facer nada, non si?, xa somos libres de ser gais. Atrevédevos vós tamén a saír do armario!" berráballe un transexual a un grupo de policías que non podían conter a risa.
Tamén se viron máis familias apoiando aos gais. "Estou orgullosa de dicir que o meu neto é gai", dicía a pancarta que traía a riseira avoa de Sambhav Kumar.
"Este é un festexo, sen dúbida, pero tamén segue sendo unha reivindicación: a discriminación e a violencia contra os homosexuais continúa", asegura Arushi Singh, que traballa nunha ONG. E son as lesbianas quen teñen aínda maior presión, engaden os activistas. "É aínda máis duro para as mulleres, a xente non se imaxina que dúas de nós, que somos consideradas inferiores, poidamos levar unha vida xuntas", asegura Dipa Zaveli, que veu de Bombai para acudir á marcha.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario