lunes, 13 de febrero de 2012

A Corte de Apelacións dos EUA considera inconstitucional prohibir o matrimonio gai en California .




Un tribunal federal de apelacións do noveno circuíto xudicial de California (EUA) declarou hoxe que a prohibición dos matrimonios entre persoas do mesmo sexo é inconstitucional, o que supón un paso adiante para a aprobación dos enlaces entre homosexuais nese estado. Un panel de tres xuíces ditaminou 2-1 que un maxistrado de primeira instancia interpretou correctamente a Constitución dos Estados Unidos de América e os precedentes da Corte Suprema cando declarou en 2010 que a "Proposición 8" -a lei que prohibía os matrimonios entre persoas do mesmo sexo- era unha violación dos dereitos civís de gais e lesbianas.
Os avogados da "Proposición 8" e as dúas parellas que interpuxeron a denuncia para eliminar a devandita prohibición estaban dispostos a recorrer mesmo á Corte Suprema se non recibían un fallo favorable. "Aínda que a Constitución permite ás comunidades promulgar a maioría das leis que consideren convenientes, requírese que haxa ao menos unha razón lexítima para a aprobación dunha lei que trata as diversas clases de persoas de maneira diferente. De tal xeito, non hai razón ningunha para que a Proposición 8 sexa aprobada", engade a resolución xudicial.
Ademais, considera que non había probas de que o ex-xuíz Vaughn Walker, quen a rexeitou primeiro, fose parcial e engadiu que debería ter comunicado antes de que dese a coñecer a súa decisión que era homosexual e tiña unha relación desde había moito tempo con outro home. O fallo divulgouse máis dun ano despois de que a Corte de Apelacións escoitase os argumentos no caso.
Os partidarios da "Proposición 8" pediran á Corte que rexeitase a decisión de Walker por razóns constitucionais e pola vida persoal do xuíz. O maxistrado de San Francisco sentenciou a favor das vodas homosexuais nese estado ao considerar que a lexislación que as prohibía atentaba contra os dereitos fundamentais establecidos na Constitución dos EUA.
Os opositores ao matrimonio homosexual iniciaron un día despois o proceso de apelación á decisión do xulgado federal. A organización Protect Marriage, que aglutina a diferentes grupos relixiosos e conservadores, presentou o recurso ante o noveno circuíto xudicial de apelacións. Despois de que a "Proposición 8" fose aprobada nas urnas cun 52,2 por cento dos votos, os seus opositores denunciárona en agosto de 2009 ante unha Corte Federal de San Francisco por considerar que atentaba contra os dereitos constitucionais.
Os EUA non recoñecen oficialmente as vodas homosexuais, aínda que si as aceptan os gobernos de seis dos seus estados: Massachusetts, Connecticut, Vermont, Iowa, New Hampshire e mais o Distrito de Columbia. O colectivo de "Alcaldes pola Liberdade de Matrimonio", entre os que se encontran o de Nova York, Michael Bloomberg e o dos Ánxeles, Antonio Villaraigosa, aplaudiron a decisión do noveno circuíto xudicial e afirmaron que "reafirma que o soño americano é posible para todos". "Esperamos que chegue un día no que todos os nosos cidadáns poidan compartir xusta e equitativamente a liberdade do matrimonio", engadiron nun comunicado ao coñeceren a resolución.

No hay comentarios: