jueves, 30 de septiembre de 2010

Cinco anos do recurso de inconstitucionalidade do PP

O grupo LGTB do PSdeG-PSOE solicita que o PP retire o recurso de inconstitucionalidade á lei do Matrimonio Homosexual.
Hoxe cúmprense cinco anos da presentación do recurso no Tribunal Constitucional, "o PP segue demostrando que é un perigo para a igualdade".

O grupo LGTB do PSdeG-PSOE esixe ó PP que retire o recurso de inconstitucionalidade que presentou fai cinco anos contra a lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O 30 de setembro de 2005 o partido que dirixe Mariano Rajoy demostrou que é un perigo
para a igualdade, e o segue sendo, cada día, sen retirar o recurso interposto ante o Tribunal Constitucional.

Dende que se aprobou a lei, España converteuse nun referente mundial en dereitos e liberdades, ela cidadanía gañou en igualdade e inclusión. Durante estes cinco anos celebráronse miles de vodas e outros sete países seguiron o exemplo de España -Canadá, Sudáfrica, Noruega, Suecia, Portugal, Islandia e Arxentina-, así como algúns estados de EE.UU. e México DF. A familia non se rompeu, tal e como vaticinou o PP, senón todo o contrario, enriqueceuse e fortaleceuse.
Coa súa actitude, o PP demostra unha vez máis que é o partido da involución en dereitos, que é o partido que se opón á igualdade de miles e miles de persoas e ó sentir maioritario da cidadanía española, que é o partido que está en contra de calquera avance en materia de dereitos civís.

domingo, 26 de septiembre de 2010

O GRUPO LGTB DO PsdeG-PSOE EXPRESA A SÚA SATISFACIÓN Ó TERSE FEITO POR FIN XUSTIZA Ó CONSIDERAR CULPABLE O ASASINO DE AL-DANI E JULIO.

7 CORES, A.L.A.S., MARIBOLHERAS PRECARIAS, MILHOMES E UN DOS RAPACES AGREDIDOS MANTIVERON UNHA REUNIÓN CO SUBDELEGADO DO GOBERNO


Onte, 24 de setembro reconduciuse por fin unha situación grotesca.
Un proceso xudicial que ten estado barnizado de discursos pouco sensatos,
e cunha hipotética absolución que era inexplicable incluso con respeito á
xurisprudencia existente ten coñecido onte un veredicto moito mais
razoable. O xurado popular formado para decidir sobre “o crime da rúa
Oporto” ten declarado a Jacobo Piñeiro culpable dos principais cargos dos
que tiña sido acusado.

Resulta preocupante que durante o proceso introducíranse valoracións
distintas ás habituais en crimes iguais de tráxicos. É coñecido que parte
do argumentario da defensa estaba salpicado de razoamentos que
xustificaban o acontecido en base á orientación sexual das dúas víctimas,
feito que diminuía enormemente a importancia do estado alterado por
diversas drogas do xa culpable.

A absolución sobre o hurto podería sumarse á de doble asasinato, e non
podría incluirse no seu momento a do incendio provocado. Todo esto,
despois da absolución do 2009. Para todos os que teñen seguido o proceso
anterior, e este, a consecución de valoracións ten resultado cando menos
esperpéntica. Ao parecer costou enormemente valorar a actitude dunha
persoa que tiña acoitelado 22 veces a unha persoa, 35 a outra, prendido
lume aos cadáveres e á vivenda, abandonándoa á carrera posteriomente non
sen antes abrir ó gas coa intención de que todo voara polo aire.

Ante este cúmulo de feitos da a sensación de que a orientación sexual das
dúas víctimas debería ter unha importacia enormemente irrelevante; ao
menos para gran parte da cidadanía. Esto é o que parece que ten emerxido
por fin despois dun longo proceso onde, gracias ao traballo da fiscalía e
as probas policiais, téñense por fin esclarecido os feitos.

REUNIÓN CO SUBDELEGADO DO GOBERNO

Por outro lado comunicar que onte tivo lugar na Coruña unha reunión do
grupo LGTB do PsdeG, ALAS Coruña, Milhomes, Maribolheras Precarias e mais
Yago e a súa nai co Subdelegado do Goberno en Galicia o Sr. Xose Manuel
Pose Mesura. A reunión foi solicitada para intentar aclarar a actuación
da Policía Nacional no caso da agresión sufrida por Yago e Iago.

O sr. Subdelegado indicounos que estase a face unha investigación interna
das actuación ao mesmo tempo que se están a realizar diversas accións de
cara a deter os implicados en dita agresión.

Todos os presentes mostramos a nosa disconformidade con que as forzas de
seguridade non entraran na zona a intentar identificar os agresores e
quedamos á expectativa da investigación interna comezada. Aproveitamos
tamén para pedirlle o Sr. Subdelegado a creación dun protocolo específico
para o tratamento deste tipo de agresións homófobas xa que teñen unhas
connotacións moi especiais que requiren dun respeto e sensibilidade que
está claro neste caso non existiron. Ogallá todo esto sirva para que
dentro dun tempo este tipo de casos xesan tratados ca delicadeza que
merecen.

A Coruña, 25 de setembro de 2010

VALORES HUMANOS

Unha reflexión entre as moitas opinións que xeraron as agresións ós dous rapaces de A Coruña.

Dende logo, ditas agresións teño que cualificalas de noxentamente vomitivas.
Afondando máis neste tema pregúntome ¿Como se pode chegar a este tipo de situacións? Sobre todo cando os covardes que propinaron semellante malleira son, na súa maioría personaxillos que non alcanzan a maioría de idade.
Analizando o día a día doume conta de que o caldo de cultivo (con isto non xustifico en absoluto tan atroz acto) está na gran falta de valores na que "os nosos nenos e nena” estanse desenrolando.

Os pais cada vez máis asfixiados pola presión do traballo na súa maioría (tamén algúns pola partida no bar ou o deporte nacional da murmuración) esixen ós profesores que eduquen ós seus fillos, ou mellor dito, ós fillos dos demais, xa que para a maioría os seus son educadísimos e ata lindísimos. Os profesores xustifícanse dicindo que eles “están para ensinar, para educar están os pais”. Nin uns nin os outros, os nenos son educados pola aia máis económica e universal, a televisión. Aí están horas tras horas vendo pasar po diante dos seus fuciños programas baleiros de valores, cheos de frivolidades, insultos, gritos, modelos absurdos, personaxes efémeros elevados ó cumio da prensa amarela por accións ou actos... ¿heroicos?, méritos de dubidosa valía.
¿É que ninguén pódese parar a ensinar o valor da liberdade, igualdade, respecto?
Todos somos cómplices se seguimos calando e aprobando este modelo de educación, no que se están desenrolando as xeracións que veñen.
Unha institución relixiosa, moral para uns e inmoral para outros, xustifica os actos criminais de abusos a menores co feito de ser homosexual, adoutrinando ós seus fieis na falta de respecto polo próximo ¿Acaso amar a outra persoa independentemente da súa condición sexual é un acto delituoso?
Un partido político con miles de afiliados e simpatizantes, mantén no Tribunal Constitucional un recurso sobre a Lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, con elo pretende que eu, e o 10% da poboación deste país, por ser homosexual pase a ser cidadán de segunda, recortándome os meus dereitos.
O asasino dos rapaces de Vigo, foi condenado simplemente por incendiar a vivenda, alegando que os matou vilmente porque tiña medo a ser violado e estaba baixo os efectos das drogas. Pobriño.

Fai un par de anos un exministro díxonos que “con Franco vivíase mellor”.
Estas son algunhas das “agresións” que recibimos.
Os nosos nenos as ven, as interiorizan e nalgúns casos son sementes que xerminan e dan eses froitos tan amargos como a violencia e u odio.
Se queremos unha sociedade mellor, todos somos responsables, eduquemos en valores humanos.

Juan Carlos Beceiro García

miércoles, 22 de septiembre de 2010

O secretario xeral de Nacións Unidas exhortou que derroguen calquera tipo de lei que discrimine ós homosexuais.


O secretario xeral de Nacións Unidas Ban Ki-moon exhortou este venres ós
países a que derroguen calquera tipo de lei vixente que discrimine ós
homosexuais.

Os criterios culturais non poden xustificar a discriminación contra unha
persoa pola súa orientación sexual, sinalou Ban.

Decenas de países, en particular en África e Asia, prohiben as relacións
entre persoas do mesmo sexo.

As declaracións, que algúns observadores consideraron de xeito inusual
severas, estiveron contidas nunha mensaxe lida en nome de Ban durante unha
reunión de dereitos humanos da ONU en Xenebra.

A igrexa católica pretende ensinar nos seus colexios de Valencia que a homosexualidade é “unha disfunción”

A igrexa católica, coa aquiescencia do Goberno valenciano (en mans do Partido Popular), parece decidida a dar un paso máis na súa escalada homófoba e ensinar nos colexios de titularidade católica de Valencia, como parte dun programa de “educación sexual”, que a homosexualidade é “unha disfunción”.
Ademais de que a homosexualidade é unha “disfunción”, o programa, promovido polo arcebispado de Valencia, ensinará aos alumnos que a masturbación é un “vicio” ou “defecto” que pode derivar en “adicción” e que “hai que evitar”, así como que a finalidade do sexo é a
“procreación” e que “hai que esperar ao matrimonio” para practicalo. Por suposto, segundo as súas ensinanzas, “ningún método anticonceptivo evita totalmente a posibilidade de embarazo”, polo que cómpre rexeitalos.
Curiosamente “o celibato ou a vocación sexual de permanecer virxe” non supón, segundo o programa, anormalidade ningunha, senón que é “unha opción que permite a felicidade e que pode ser moi enriquecedora”.
O programa, cuxo dereito de uso comprou o arcebispado e que cederá gratis aos centros escolares, chámase Saber Amar Básico Escolar (SABE). Consta de 18 sesións de 90 minutos que os alumnos recibirán entre os 5 e os 14 anos. Trátase dunha iniciativa concibida como alternativa ao Programa de Intervención en Educación Sexual (PIES), un programa voluntario impulsado polas consellerías de Educación e Sanidade da Generalitat Valenciana, e que persegue obxectivos bastante máis razoables, como “recoñecer a diversidade das opcións sexuais” e “capacitar no manexo dos métodos anticonceptivos de barreira máis eficaces”.
Algo que curiosamente non parece estrañar ao conselleiro valenciano de Educación, Alejandro Font de Mora, segundo o cal “sempre que ese material sexa ofertado libremente aos pais e elixido libremente por eles” entra dentro dos esquemas do sistema educativo valenciano. Aínda que non residamos na Comunidade Valenciana aféctannos esta clase de actuacións por parte da igrexa  contra as persoas LGTB. Deamos a máxima difusión a esta denuncia.

COORDINACION
LGTB-PSRM

martes, 21 de septiembre de 2010

Seara reclama á Xunta a posta en marcha de servizos de mediación para o colectivo LGTB en Galicia


Critica a “dobre moral” do PP ao facer uso dos dereitos que concede a Lei de Matrimonio Homosexual mentres a denuncia no Tribunal Constitucional

Castrelo de Miño, 18 de setembro de 10. A secretaria de Igualdade, Emigración e Movementos Sociais do PSdeG-PSOE e directora do Instituto da Muller, Laura Seara, reclamou hoxe á Xunta “que impulse servizos de mediación para o colectivo de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais” en Galicia. Así o dixo no xantar pola Visibilidade Homosexual no Rural, que se celebrou este año en Castrelo de Miño logo de dúas edicións nas que foi organizado en Monterroso.

A responsable socialista instou á Xunta a seguir o exemplo de concellos como A Coruña ou Lugo e poñer en marcha estes servizos de mediación que sirvan para apoiar e asesorar a un colectivo que a día de hoxe segue a ser obxecto de discriminación social, previndo a repetición de casos de xenofobia.

Seara criticou a “dobre moral” do PP por “facer uso dos dereitos” que conceden as leis aprobadas polos socialistas a mesmo tempo que recorren a Lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo diante do Tribunal Constitucional. Acusou ao PP de empregar o Tribunal Constitucional como “unha terceira cámara lexislativa na que intentan gañar todas as votacións que perden no Parlamento, que é onde reside o poder do pobo e o sentido da nosa democracia”.

Seara fixo un chamado á visibilidade do colectivo LGTB no rural “porque o que non se nomea non existe”, e sinalou que os “pasos decisivos” tomados neste sentido nos últimos anos “sempre viñeron da man dun goberno socialista”. Así, fixo alusión ao recoñecemento do movemento asociativo deste colectivo, ou as Leis do Matrimonio Homosexual e a de Identidade de Xénero, así como a futura Lei de Igualdade de Trato e non discriminación”.

A secretaria de Igualdade dixo que este balance lexislativo é “o exemplo máis claro do compromiso dos socialistas cos dereitos civís, as liberdades públicas e a loita contra a discriminación”. Engadiu que “os socialistas, e tamén os socialistas galegos, estaremos sempre loitando contra a discriminación e as inxustizas”.

Tanto Seara como o coordinador do grupo LGBT do PSdeG-PSOE, Fito Ferreiro, condenaron a agresión homófoba contra unha parella de homosexuais rexistrada esta semana na Coruña, que integrou unha semana “moi dura” logo do falecemento dunha nova vítima de violencia de xénero en Ponteceso ou o reinicio do xuízo do asasinato dunha parella homosexual en Vigo.

Medo ao descoñecido

Fito Ferreiro apostou por loitar contra a homofobia con “educación, visibilidade e normalización” para superar o “medo ao descoñecido, que é o que provoca rexeitamento cara nós”. Chamou a “seguir traballando día a día por manter e ampliar os nosos dereitos” e engadiu que “debemos facer que coñezan as nosas vidas, que deixen de ignorar a nosa realidade”.

Na súa intervención, chamou ás institucións públicas a desenvolver unha campaña de información e sensibilización para dar a coñecer dende os centros de ensino a realidade do colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais. Fixo un chamado especial aos homosexuais residentes no rural, que cualificou de “xente valente e forte que queda a vivir nas vilas e pobos, tan activistas día a día como calquera de nós”.

Hoxe tivo lugar a segunda edición do Xantar pola visibilidade homosexual no rural, celebrado en Castrelo de Miño, logo da boa acollida que tivo o primeiro xantar pola visibilidade LGTB no rural, celebrado o pasado ano en Monterroso. Este acto ten como obxectivo “promover a normalidade e a integración social do colectivo lésbico, transexual, bisexual e homosexual nos entornos rurais galegos”.

domingo, 19 de septiembre de 2010

II XANTAR POLA VISIBILIDADE LGTB



Esta foi unha semana moi difícil para nós. A agresión homofoba a Iago e Iago na Coruña. Maria Rosa en Ponteseco , ultima victima da violencia de xénero. O xoves comezou a repetición do xuízo do cruel asasinato da Al-Dani e Julio. Aquela absolución homofoba que nos revolveu tamén as tripas. E finalmente un artefacto estalou na sede do noso partido na Estrada.
Todo isto tennos que facernos reflexionar. Os homosexuais e transexuais pensamos que coa aprobación do matrimonio LGTB xa estaba todo feito. E non é así. Foi só un bo triunfo dunha longa loita. E como nos quedemos parados os nosos inimigos, os homofobos, a igrexa, a dereita vainos pisar. Pero non só nos pasa a nós, tamén ás mulleres, á xente doutras etnias… Como nos estanquemos os de en fronte quítannos todo o conseguido. Temos que seguir traballando día a día por manter e ampliar os nosos dereitos.

Hoxe estamos neste fermoso pobo, Castrelo de Miño, para apoiar e reivindicar ás xentes homosexuais e transexuais que viven nos pequenos pobos de Galicia, que viven no rural. Sabedes que non é nada fácil ser LGTB nunha gran cidade, pois podemos imaxinar como pode ser a vida nunha aldea. Por iso os mozos homosexuais e os transexuais escapan ás cidades. Coruña, Vigo, Santiago, Madrid, Barcelona ou ata Londres adoitan ser o seu destino para poder vivir a súa verdadeira vida. Non podemos permitir que ninguén marche da súa terra por ser “maricón”, “Bollera” ou “trans”. ¿De verdade pensades que iso é xusto? Temos que comprometernos a facer políticas para que iso non siga sucedendo. Nalgunha cidade os servizos de Mediación LGTB xa están traballando. Tamén temos que facer políticas no rural, tal vez a través das deputacións debemos crear servizos que realicen campañas de sensibilización e dean charlas nos colexios e institutos das nosas provincias. Sería só un primeiro paso, pero para facer un camiño hai que ir paso tras paso.

Pero tamén hai xente valente, xente forte que queda a vivir nas vilas e pobos. Xentes que traballan as súas terras ou unha explotación gandeira. Eles e Elas son tan activistas día a día como calquera de nós.
Grazas por ese traballo oculto que realizades pola nosa normalización.

Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística dinnos que no 2009 92 parellas homosexuais casáronse en Galicia. Na Coruña 46 enlaces (31 homes e 15 mulleres), Pontevedra 29 enlaces (18 homes e 11 mulleres) e nas provincias do interior Ourense con 9 (3 homes e 6 mulleres) e Lugo con 8 (2 homes e 6 mulleres). Cando somos o 10 % da poboación, nesta provincia os matrimonios homosexuais non chegan ao 1%.

O noso compañeiro Pero Zerolo sempre comenta que a unha gran maioría das vodas que celebra en Madrid non vai ningún familiar dos noivos ou noivas. Sabemos que moita xente de provincias casa en Madrid ou Barcelona para non contalo nas súas casas.

Esta tamén é unha forma de homofobia. E contra a homofobia temos que loitar coa educación, visibilidade e normalización. Son os tres pilares da nosa politica neste momento. O medo ao descoñecido é o que provoca o rexeitamento cara nós. Debemos facer que coñezan a nosas vidas, que deixen de ignorar a nosa realidade . É o xeito de loitar contra todas as fobias. Tamén para iso necesitamos a complicidade dos medios de comunicación.

O Xantar pola Visibilidade Rural LGTB é para divertirnos xuntos pero tamén un xeito de loita, de visibilización.