lunes, 31 de enero de 2011

RAJOY E O MATRIMONIO GAI. MÁIS DO MESMO


Aborrecidos tennos xa o señor Rajoy cos seus continuos comentarios sobre o matrimonio gai. As súas últimas declaracións sobre este asunto fíxoas nunha entrevista en Radio Nacional de España, emisora na que o líder do Partido Popular volveunos contar máis do mesmo.

Mariano Rajoy asegurou que se chega á Moncloa cambiaría a Lei de matrimonios homosexuais e que esperará ao que diga o Tribunal Constitucional e escoitará á xente para tomar unha decisión con respecto á Lei del aborto. “É a miña posición desde hai moito tempo”, lembrou o presidente popular.

En algo ten razón o señor Rajoy. Esa é a súa posición desde hai tempo. Unha posición anacrónica que non responde ao sentir maioritario da sociedade española, que levou ao líder do Partido Popular a unha situación de enrocamento ante o absurdo recurso de inconstitucionalidade presentado polo seu partido hai xa más de cinco años.
Cinco anos nos que a sociedade española admitiu con total normalidade as vodas gais, cerrándose por completo o debate na rúa sobre a legalidade ou non das mesmas. De feito, hoxe ninguén fala deste problema , aparte do líder do PP e dalgúns membros da xerarquía católica.

E se mal está o inmobilismo e a falta de resposta e de visión dos dirixentes do Partido Popular, neste caso tamén deixa moito que desexar a lamentable actuación do propio Tribunal Constitucional. Un Tribunal que perdeu parte da súa credibilidade con asuntos como o Estatut Catalán, ou co propio matrimonio gai.

Cinco anos son moitos anos para resolver un recurso que non pon en perigo nin a Constitución nin a existencia do propio Estado. E o peor, é que tampouco sabemos cando se resolverá este recurso. Sendo irónicos, a este paso quizais os nosos fillos poidan ver cando alcancen a maioría de idade como os xuíces que entón ocupen as cadeiras do Constitucional dan luz verde ás vodas que os seus pais celebraron nos afastados anos de comezos do século XXI. Sen comentarios…

RAMIL, O PRIMEIRO GAI OFICIAL DE "OT" 2011


Ocorreu algo mentres viamos a gala cero desta nova edición de ‘Operación Triunfo‘ 2011. Non só botei de menos a Jesús Vázquez e me fartei de rir grazas a unha Pilar Rubio máis perdida que unha pava nun garaxe, non. O que me pasou foi que o meu gaidar non parou de soar coa práctica maioría dos concursantes. De feito, só hai dous aos que lles dou un voto de heterosexualidade.

Á marxe do meu gaidar que, para a miña desgraza, non é efectivo 100% e non pode usarse diante dun xurado, si que houbo un concursante que non tivo problemas en dicir que era gai en vivo e en directo. Trátase de Ramil, un mozo que non ocultou en ningún momento a súa pluma, nin durante a súa actuación, nin cando Rafa Sánchez, cantante de ‘La Unión’ tamén homosexual e que este ano forma parte do xurado, preguntoulle por ela.

Eu teño a miña pluma e téñoa desde que nacín. Pero é que non a vou quitar.
Así de claro e contundente foi. Pero vamos, o certo é que no tería feito falta que dixese nada porque era bastante evidente. Aínda así, agradécese que non se oculte, que non sería a primeira vez.

Pero ademais de ser abertamente gai, disque Ramil ten una etapa travesti no seu currículo, na que aparecía desta guisa e tiña como nome artístico Piña Pastori. Segundo din, as súas interpretacións de cancións de Anastacia eran brutais.
Ademais Ramil é galego e en Galicia puidemos contar coa súa arte na semana Visible Lgtb porque ademais de artista é persoa e comprometido coa vida, a súa e a de todos.
De momento, deixámosvos coa súa actuación de onte á noite, para a que elixiu ‘Like a virgin’ de Madonna. Como vedes, foi moi hetero todo.

martes, 25 de enero de 2011

Día Internacional por el recuerdo a las víctimas del Holocausto


Este acto se enfoca desde una vision transversal de los distintos colectivos que fueron perseguidos y asesinados injustamente, representantes del colectivo judio, gitano, republicanos españoles exiliados y lesbianas, gays y transexuales nos haran un mapa con rigor historico de las vivencias ocurridas durante este desgraciado periodo de tiempo.

martes, 11 de enero de 2011

IGUALDADE DE TRATO



Nas últimas décadas, o recoñecemento da diversidade converteuse nun concepto capital da teoría política. Se houbo un momento en que as políticas centradas na xustiza social xiraban só en torno á redistribución da riqueza, o que supuxo un avance histórico sen precedentes, hoxe o recoñecemento da igualdade e a non discriminación é un piar fundamental do Estado social e democrático de dereito. A razón é clara: a nosa sociedade é un todo diverso –de aí a súa riqueza– e o modelo social e económico debe contemplar a cohesión e a paz social como obxectivo fundamental. De non ser así, acabaremos definitivamente atrapados nun escenario disfuncional no que, co aplauso dos de sempre, os conflitos serán continuos e o desprestixio da política tamén, o que derivará nun aumento do populismo e da inxustiza social.

A acción política debe entender e explicar, pois, que a xustiza social é bidimensional. Por unha parte, ten que atender ás reivindicacións de benestar social, material e de atención pública da cidadanía e, ao mesmo tempo, facelo tamén coas reclamacións de recoñecemento efectivo da igualdade e amparo da diferenza de cada quen. En realidade, é algo tan evidente como atender o interese xeral e asegurarnos de que ningunha persoa, por razón da súa propia diferenza lexítima, encontre interferencias no seu desexo de realización persoal e participación en condicións de igualdade. De non ser así, de non conseguir que a diversidade sexa considerada como un valor cidadán, a consecuencia será o incremento da segregación e o ascenso da desigualdade de trato, consideración e oportunidades.

Pois ben, para a boa xestión do interese xeral e da diversidade, o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero traballa nun anteproxecto de Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación. Unha iniciativa que, unha vez se converta en proxecto coa debida participación social, pretende ampliar a lexislación actual –cuxo baseamento é o artigo 14 da Constitución–, e incorporar os ámbitos de protección recollidos no artigo 21 da Carta Europea de Dereitos Fundamentais. Con esta aposta lexislativa non só se reforzará un dos ámbitos máis susceptibles á discriminación como é o laboral, onde se avanzou nos últimos anos, senón que se estenderá a outros espazos onde as discriminacións se presentan con formas máis sutís, como é o acceso á sanidade, a educación, o transporte, a vivenda…

Outro ámbito importante na protección contra a discriminación é que as vítimas poidan ter á súa disposición todos os medios posibles para poderen canalizar súas demandas. A experiencia demostrou que as persoas que se senten vítimas dunha discriminación rara vez presentan unha denuncia, ben porque o proceso se alonga, é caro ou porque descoñecen ónde acudir e que trámites realizar.

Diversos países europeos contan con organismos independentes que non só ofrecen asistencia práctica ás vítimas, senón que tamén emiten informes, coa correspondente recollida e estudo de datos, que contribúen a que se visualice e se coñeza o alcance eos efectos das discriminacións, axudando a sensibilizar á sociedade ante este fenómenocrecente. Un bo exemplo de todo o anterior é a Alta Autoridade francesa, un organismo que ten a capacidade de realizar unha completa investigación tras a denuncia da vítima,ten potestade para sancionar e, se finalmente ve delito, remite a denuncia á fiscalía.

Cómpre, pois, que a futura lexislación contemple a creación dun organismo autónomo e independente similar aos que existen noutros países do noso contorno. Discriminar non debe saír gratis, polo que sería importante tamén reforzar o papel da fiscalía na persecución dos actos discriminatorios que constitúan delito mediante unha fiscalía especializada, que contribúa a establecer unha meirande coordinación e eficacia fronte á discriminación, posibilite unha estatística anual neste tipo de delitos e coadxuve a incrementar o reproche social fronte aos mesmos.

Así, a futura lexislación pode converterse non só nun importante instrumento xurídico que revise e amplíe a política contra as discriminacións, senón que tamén pode ser unha eficaz ferramenta institucional e social para avanzar na igualdade real e efectiva.

A situación en España non é alarmante, pero existen datos que nos deben facer actuar e así o reclaman desde hai anos distintas organizacións sociais. O último Eurobarómetro recolle que o 15% dos españois sufriu unha discriminación no último ano e un 31% foi testemuña dela. En España, o barómetro do CIS de decembro de 2008 sinalaba que para a metade dos enquisados faise pouco ou ningún esforzo para loitar contra toda forma de discriminación.

En definitiva, a igualdade de trato é un elemento que cómpre incorporar plenamente como valor social e democrático porque nos afecta a todas e a todos, xa que todos somos susceptibles de sufrir algún tipo de discriminación directa ou indirecta nalgún momento da nosa vida. Así pois, a futura Lei non é unha iniciativa para uns poucos ou para minorías, senón para a gran maioría da cidadanía. Unha lexislación que, ademais de mellorar a convivencia e a integración, estou seguro que será quen de reforzar a cohesión social, converténdose así nun poderoso instrumento de xestión da diversidade e, por ende, de xustiza social.

jueves, 23 de diciembre de 2010

O GRUPO 7 CORES DO PSdeG CONSIDERA “DENIGRANTE” PARA OS COLECTIVOS LGTB A FELICITACIÓN DE COLEGA A RAJOY












O GRUPO 7 CORES DO PSdeG CONSIDERA “DENIGRANTE” PARA OS COLECTIVOS LGTB A FELICITACIÓN DE COLEGA A RAJOY

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 10. O coordinador do grupo LGTB do PSdeG, Fito Ferreiro apuntou que “é indignante e denigrante para os colectivos LGTB a felicitación de Colega a Rajoy ,cando é precisamente o PP o que se manifesta en contra de calquera norma que nos iguale en dereitos ao restos dos cidadáns”.

Ferreiro fixo estas declaración logo de coñecer como nun comunicado de prensa o grupo COLEGA congratulábase do cambio de postura de Mariano Rajoy entorno á Lei de Matrimonio Homosexual”.

“Un cambio de postura, que o noso parecer non existe, primeiro deroga dita Lei, e agora nas súas declaracións afirma que podemos falar sobre ele, pero dicir iso é o mesmo que non dicir nada “, aseverou coordinador.

Neste senso lembrou que “aos feitos me remito, xa que a día de hoxe no Tribunal Constitucional hai interposto un recurso de inconstitucionalidade por esa mesma persoa, á cal estes señores felicitan “.

Ferreiro sinalou que “o colectivo Colega sabe de sobra que en realidade os que din apoialos non cren que as persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais deste país deban ter os mesmos dereitos que calquera outro cidadán”.

Neste senso lamentou que “este colectivo véndese ante Ana Pastor ou ante o propio Rajoy cando solicitan certas reunións, e agora que ven o Nadal aproveitan para felicitalo, e de paso garantirse o aguinaldo que moitas veces vén en forma de subvención”.

miércoles, 22 de diciembre de 2010

¿Felicitación de Nadal?



Espertámonos hoxe, con outra nota de prensa do colectivo COLEGA. En dita nota congratúlanse do cambio de postura do Sr. Mariano Rajoy nas súas declaracións entorno á lei de matrimonio homosexual. En resumo, que ós nosos “amigos” de COLEGA éncheos de orgullo e satisfacción; á viva imaxe da SAR; o feito de que o líder do primeiro partido da oposición faga un cambio nas súas declaracións dende “derrogarei” ata “falarei”…. Gran cambio, si señor.
Logo a realidade é outra, a realidade é que no Tribunal Constitucional hai interposto un recurso de inconstitucionalidade por esa mesma persoa á que os señores de COLEGA felicitan. Iso non cambiou, eles seguen sen crer que as persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais deste país deban ter os mesmos dereitos que calquera outro concidadán. Iso si que segue inamovible, pero claro está, iso non figura para nada na nota de prensa de dito colectivo. É por tanto que todo isto lévame a pensar que eles simplemente querían felicitarlle as festas ó Sr. Rajoy e buscaron unha escusa barata para facelo. Imaxino que de todas formas, que nesas reunións que solicitan coa Sra. Ana Pastor e co propio Rajoy, tentarán garantirse tamén o aguinaldo que moitas veces ven en forma de subvención, inda que logo como consecuencia dese novo reparto os reis magos esquézanse de colectivos tan importantes e tan sinalados na nosa cidade como o colectivo antisida CASCO.
En fin, que felices festas a todos dende o grupo de participación LGTB do partido socialista de Galicia. Esperamos que o 2011 nos depare a todos o cambio REAL de actitude do Sr. Rajoy, no que retire un recurso que demostra o seu máis rancio talante e un claro odio ó diferente.

Feliz 2011 a todas e todos.

lunes, 6 de diciembre de 2010

Nova Deli celebra a despenalización da homosexualidade


A capital de India vive o primeiro desfile do orgullo gai desde que se anulou unha lei colonial que castigaba as relacións homosexuais ata con 10 anos de cárcere.
Esta é a primeira vez que non somos criminais por manifestarmos a nosa homosexualidade abertamente. "Por fin podemos celebrar a diversidade sexual", dicía hoxe nas rúas de Nova Deli o cineasta Ranjeev Monga. A de hoxe é a terceira marcha do orgullo gai, en tres anos consecutivos. Pero é a primeira despois de que o Tribunal Supremo de Nova Deli revocase en xullo de 2009 a lei 337 do Código Penal, que se remontaba a 150 anos atrás e que cualificaba as relacións sexuais homosexuais como unha "ofensa antinatural", castigándoas ata con 10 anos de prisión. Aínda que foi aplicada en moi poucos casos, a comunidade gai asegura que era unha arma da policía para acosalos constantemente.

A capital india celebra por terceiro ano a marcha do orgullo gai, que este ano celebrou a recente despenalización das relacións homosexuais no país.
As cousas están a cambiar moi rapidamente en India, explica Monga. "Eu medrei traumatizado porque ninguén me aceptaba, pero nos últimos tres anos vese moita máis apertura na sociedade. Agora estamos aquí bailando en público", di. Aínda que non foi un camiño doado: a súa familia presionábao para que tivese un matrimonio heterosexual e tivese fillos "e despois fixese o que quixese ás agochadas". Pero o cineasta asegura que non quixo levar unha dobre vida, como a que moitos homosexuais se ven obrigados a levar na India.


O desfile de hoxe foi moito máis festivo e máis concorrido cós anteriores. Miles de persoas marchaban entre bandeiras e globos multicolores. A presenza policial foi moito menor e máis relaxada (o primeiro ano había case tantos policías como manifestantes). "Agora xa non
nos poden facer nada, non si?, xa somos libres de ser gais. Atrevédevos vós tamén a saír do armario!" berráballe un transexual a un grupo de policías que non podían conter a risa.

Tamén se viron máis familias apoiando aos gais. "Estou orgullosa de dicir que o meu neto é gai", dicía a pancarta que traía a riseira avoa de Sambhav Kumar.
"Este é un festexo, sen dúbida, pero tamén segue sendo unha reivindicación: a discriminación e a violencia contra os homosexuais continúa", asegura Arushi Singh, que traballa nunha ONG. E son as lesbianas quen teñen aínda maior presión, engaden os activistas. "É aínda máis duro para as mulleres, a xente non se imaxina que dúas de nós, que somos consideradas inferiores, poidamos levar unha vida xuntas", asegura Dipa Zaveli, que veu de Bombai para acudir á marcha.