martes, 23 de febrero de 2010

O PSOE comprométese coa promoción dos dereitos sexuais

Zerolo lembra que a futura Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva ten entre os seus obxectivos o acceso a unha adecuada educación sexual.



O secretario de Movementos Sociais e Relacións coas ONG do PSOE, Pedro Zerolo, amosouse satisfeito, co gallo do Día Europeo da Saúde Sexual, por que a futura “Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva recoñeza por vez primeira en España o dereito das mulleres a elixir sobre a súa propia maternidade e o dereito de todos os cidadáns a adoptar de forma libre as decisións que afectan á súa saúde sexual”. A norma elaborada polo Goberno, e que agora se tramita no Senado, “demostra o firme compromiso que os socialistas temos coa promoción dos dereitos sexuais nun contorno libre de coerción, discriminación e violencia, tal e como recolle a futura lei e contempla a Declaración Universal dos Dereitos Humanos”, sinalou Zerolo.

Segundo afirmou o responsable do Grupo Federal de Saúde Sexual e Dereitos Sexuais do PSOE, Vicent Bataller, “unha adecuada educación sexual, avalada polo mellor coñecemento científico, así como o acceso aos métodos anticonceptivos, é o xeito máis efectivo para previr as enfermidades de transmisión sexual e os embarazos non desexados”. Precisamente a prevención será un dos principais obxectivos da futura lei, engadiu.

Por iso, no Día Europeo da Saúde Sexual, subliñamos o traballo realizado polo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero nesta materia. Un exemplo diso é a Estratexia Nacional de Saúde Sexual, que elabora o Ministerio de Sanidad y Política Social, e que se incorporará á futura lei. “O seu obxectivo será velar polo cumprimento do establecido na normativa, centrándose de maneira particular na poboación adolescente e nos colectivos de especiais necesidades”, indicou Zerolo.

Como parte deste compromiso socialista, por primeira vez un Goberno español realizou unha enquisa nacional sobre saúde sexual cun enfoque de xénero. Elaborada polo Ministerio de Sanidad y Política Social e o Centro de Investigaciones Sociológicas, o traballo puxo de manifesto que “o 80% da poboación cre que a sexualidade é un elemento necesario para o equilibrio persoal”, salientou Bataller.

“De aí que sexa tan importante o acceso da poboación española a unha axeitada educación sexual”, destacou Zerolo. O dirixente socialista cre que deste xeito posibilitaranse a curto e medio prazo “unhas relacións igualitarias e equitativas, así como a aceptación e o recoñecemento da diversidade sexual”.

Finalmente, Zerolo subliñou que “o dereito á saúde sexual segue sen ser recoñecido en moitos países” polo que pediu aos organismos internacionais medidas que busquen a defensa da saúde sexual e os dereitos sexuais das persoas.

Madrid, 13 de febreiro de 2010

No hay comentarios: