miércoles, 7 de septiembre de 2011

Lage Tuñas advirte que o 20-N están "en xogo" dereitos sociais e critica a política "retrógrada" do PP




Acusa a Núñez Feijóo de "apoiar co seu silencio" o recurso do PP contra a lei de matrimonio homosexual

O voceiro da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, alertou de que nas próximas eleccións do 20-N "están en xogo as conquistas dos últimos anos no terreo dos dereitos e liberdades dos cidadáns" e censurou as medidas sociais "retrógradas" do PP no ámbito social.

Así o asegurou este sábado no III Xantar pola visibilidade Rural LGTB, celebrado no municipio coruñés de Cerceda polo Grupo de Gays, Lesbianas, transexuais e Bisexuais (LGTB) do PSdeG, no que proclamou que "o modelo de sociedade que defende o PP priva de dereitos ás persoas en función da súa orientación sexual".

Neste sentido, criticou a actitude do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ante esta situación, ao que acusou de "apoiar co seu silencio" o recurso do PP ante o Tribunal Constitucional contra a lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e a adopción conxunta, aprobada polo Goberno central en xuño de 2005.

Así mesmo, aludiu á lei de familia aprobada polo PP galego á que tachou de "retrógrada e involucionista", e sinalou que o conselo Económico e Social tivo que reprobala "por negar a realidade social e polo seu carácter regresivo e patriarcal, intentando recortar dereitos á muller".

AMPLIACIÓN DE DEREITOS

No lado contrario, destacou que "nos últimos oito anos en España se avanzou de forma importante na ampliación e recoñecemento de dereitos, sempre da man do Partido Socialista". A este respecto, recordou que a lei de matrimonio homosexual permitiu que máis de 20.000 parellas en España exerceran este dereito" dende 2005.

Por outra banda, Lage Tuñas mostrou o seu apoio ao grupo LGTB do PSdeG "polo grande traballo que realizan para que as leis e o traballo institucional teña reflexo real na sociedade", conseguindo así "superar vellos fantasmas e a rancia homofobia aínda existente en diferentes ámbitos sociais".

Na súa intervención, o deputado socialista tamén mencionou a materia de Educación para a Cidadanía, a Lei de identidade sexual ou a creación de Unidades e Servizos de Referencia para o cambio de sexo, como avais dos progresos en materia social que tiveron lugar baixo o auspicio do Goberno socialista.

Con este acto, o grupo LGTB dos socialistas de Galicia mostrou por terceiro ano o seu apoio a lesbianas, gay, transexuais e bisexuais que viven os núcleos rurais da Comunidade, en especial a aqueles que sofren de acoso pola súa condición sexual.

No hay comentarios: