viernes, 7 de octubre de 2011
O GRUPO LGTB DO PSdeG-PSOE PARTICIPOU NA CONFERENCIA POLÍTICA PSOE 2011
O grupo LGTB dos Socialistas de Galicia participou xunto co grupo LGTB federal do PSOE na Conferencia Política 2011 que se desenrolou en Madrid. Traballamos activamente nas comisións de “Igualdade” e “Democracia” grupos onde se tocaba máis a fondo a realidade LGTB e a igualdade de trato. O grupo xa presentara na fase previa 21 emendas ó texto. Emendas que foron tidas en conta a maioría e algunhas transacionadas. Destacámosvos os textos máis interesantes referentes ó ámbito LGTB.
A IGUALDADE NO SÉCULO XXI
A IGUALDADE DO SÉCULO XXI É A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES
SETE ANOS DE AVANCE SOCIAL
“A partir de 2004, abriuse unha segunda etapa de expansión, profundización e modernización dese Estado do Benestar. Púxose en marcha a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. Ademais, nesta etapa producíronse avances moi importantes en ámbitos como a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a política de erradicación da violencia de xénero, ou as axudas á maternidade, avanzándose con decisión na plena igualdade dos cidadáns e cidadás, recoñecendo a diversidade, igualando en dereitos ás persoas, facéndoas fortes fronte a todo tipo de discriminación: de xénero, de orientación sexual, étnica, relixiosa, por razón de discapacidade, de idade ou calquera outra. O obxectivo marcado era facer máis iguais ós desiguais, permitindo o seu pleno desenrolo vital e ampliando os dereitos e as oportunidades de colectivos cuxa inclusión cidadá era incompleta. Todo elo, desde unha concepción moderna e avanzada da igualdade de oportunidades e de trato, dentro dun proxecto que xa é coñecido como socialismo dos cidadáns.”
Unha política social financeiramente sostible nun tempo de crise
“A diferenza da dereita, os socialistas comprometémonos a soster os grandes servizos públicos de protección social e defender unha concepción progresista e xusta dos grandes dereitos de igualdade que configuran o Estado Social e do Benestar: a educación, a sanidade, as pensións e os servizos sociais. A igualdade de oportunidades, ese novo xeito de definir a política social, só se fai posible cando os nosos mozos se enfrontan á madurez, á emancipación, á vida, en definitiva, coas mesmas posibilidades ó marxe da súa condición social, do seu sexo, da súa orixe étnica ou cultural, ou de calquera outra condición que os discrimine, incluída a discapacidade. De igual maneira, todos os seres humanos temos dereito a nosa saúde, á protección da nosa vida fronte á enfermidade oo ó sinistro nas mesmas condicións, ó marxe das nosas posibilidades económicas.”
Unha política social adaptada ás novas causas da desigualdade
“Porque, como sabemos, a igualdade de trato é unha dimensión básica do principio de igualdade, que complementa a igualación das oportunidades coa loita activa contra todo tipo de discriminación. Necesitamos medidas positivas para garantir a súa efectividade e por iso tramitaremos na seguinte lexislatura o proxecto de Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación que elaborou o goberno socialista. Protexeremos así a diversidade como un valor enriquecedor da sociedade española e, en particular, promoveremos medidas que corrixan e compensen a discriminación que sofre a comunidade xitana, garantindo a igualdade real de oportunidades e de trato cara os integrantes deste colectivo.”
Investir en educación, investir nas persoas
“O noso sistema educativo ha de ser capaz de formar ós cidadáns do futuro que se van mover en escenarios distintos ós do pasado. É o gran elemento para garantir a igualdade de oportunidades, a transformación social e o incremento do benestar. Un cidadán sen unha sólida formación vai ter claros riscos de exclusión. A educación tamén é vital para o benestar económico e a empregabilidade en momentos de crise económica como a actual. Non sairemos da crise só con máis e mellor educación, pero é seguro que non o faremos sen ela. Se queremos reorientar o noso modelo de crecemento económico, se queremos incrementar a competitividade e a produtividade das nosas empresas é imprescindible incrementar o nivel de formación de todos os cidadáns para responder ás novas demandas. En definitiva, para que toda a cidadanía vexa incrementada as súas posibilidades de empregabilidade.”
Garantir unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade
“Reiteramos o compromiso do PSOE coas políticas de prevención do VIH, con especial esforzo en aqueles sectores poboacionais máis expostos ó VIH e no diagnóstico precoz da infección. Velaremos pola calidade da asistencia sanitaria e por asegurar o tratamento das persoas con VIH e con SIDA fomentando o respecto dos dereitos humanos das persoas con VIH loitando fronte ó estigma e a discriminación que sofren estas persoas. Impulsaremos programas de formación en saúde sexual para profesionais sanitarios, incluíndo os aspectos relativos á saúde sexual en todos os plans integrais de saúde, e fomentaremos a sexoloxía no ámbito académico e profesional.”
DEMOCRACIA
Reformas tamén para impulsar o recoñecemento de novos dereitos cidadáns. Nos últimos anos os gobernos socialistas converteron a España nun referente internacional na ampliación dos dereitos civís e a loita contra a discriminación por motivo de orientación sexual e identidade de xénero. Estes profundos cambios no recoñecemento da igualdade e a diversidade trouxeron consigo outros aspectos que requiren de máis acción política comprometida e máis reformas tanto no ámbito social como no xurídico. Debemos seguir impulsando estas iniciativas que poñen de manifesto o noso firme compromiso coa igualdade, os dereitos civís e a diversidade, e sinalan as nosas profundas convicións ante unha dereita que se opuxo de fronte a calquera avance e recoñecemento de dereitos neste ámbito e que mantén recorrida ante o Tribunal Constitucional a lei que recoñeceu o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.
Asegurar a primacía da política, e dos seus valores, é tamén mellorar a súa eficacia. Redistribuír é un valor xusto e solidario, pero é tamén un principio de eficacia nun modelo social; prover de bens públicos a toda a cidadanía é un valor, pero é do mesmo xeito un factor eficaz de avance colectivo. A política e as institucións do Estado encontran o seu fundamento precisamente na súa tarefa de garantía deses dereitos, por encima das condicións de cada un.
Propoñemos, pois, unha democracia máis directa, activa, participativa e comprometida cos cidadáns. Unha democracia con institucións efectivas, áxiles e atentas ás necesidades cidadás. Unha democracia orientada á satisfacción de dereitos. Unha democracia, tamén, que busca equilibrios, integración de vontades, vocación de consenso.
Unha democracia en definitiva que escoite máis, que dialogue máis que actúe mellor.
O recoñecemento de dereitos nun contexto de restricións
“O actual contexto económico obriga a revisar as prioridades na acción das institucións e as administracións públicas, e obriga tamén a actuar do modo máis eficaz, aproveitando ó máximo os recursos dispoñibles. A crise lévanos a cambiar a forma de actuar das administracións.
Pero a crise non pode significar a renuncia á función fundamental das institucións públicas, o recoñecemento e garantía dos dereitos cidadáns. Especialmente porque a crise afecta e golpea con maior forza a quen máis necesidade ten de acceder a eses dereitos e ás prestacións que conlevan.
Certamente, o primeiro compromiso debe ser o mantemento dos dereitos hoxe xa recoñecidos, e do nivel de calidade alcanzado na súa satisfacción. A historia da nosa democracia é a da ampliación dos dereitos da cidadanía, o seu nivel de cobertura e a calidade na súa prestación. Un proceso predicable dos dereitos cívicos ou políticos, pero tamén, e moi especialmente, dos dereitos sociais. Sanidade, educación e prestacións sociais coñeceron en España un necesario desenrolo en contido e acceso ós mesmos.
As dúas últimas lexislaturas continuaron con este proceso: coa xeración de novos dereitos sociais como a atención á dependencia, inda no seu momento de instrumentación inicial, a mellora das prestacións sociais e familiares, novas prestacións sanitarias ou as axudas vinculadas ó desemprego; pero tamén co avance noutros ámbitos de dereitos cidadáns: desde os elementos transversais incluídos na lei de igualdade entre mulleres e homes ás novas regras do dereito de familia en materia de matrimonio, separación e divorcio, adopción ou acceso ó rexistro civil, así como o dereito ó voto dos inmigrantes nas eleccións municipais.”
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario