Sexto aniversario da presentación polo PP do recurso ante o TC contra os matrimonios do mesmo sexo
O secretario de Movementos Sociais e Relacións coas ONG esixe de novo a Mariano Rajoy que retire o seu recurso ante o Tribunal Constitucional contra a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo
Madrid, 29 de setembro de 2011. O secretario de Movementos Sociais e Relacións coas ONG, Pedro Zerolo, sinalou que “cada día que pasa sen que o PP retire o seu recurso contra a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, Mariano Rajoy demostra que só traballa contra a igualdade”. Cando se cumpren seis anos desde que o PP presentase o seu recurso ante o Tribunal Constitucional, Zerolo subliñou que “o PP só traballa contra a igualdade, como poñen de manifesto os seus coñecidos intentos de derrogar leis que amplían dereitos civís como a Lei de Igualdade efectiva entre mulleres e homes, a de Saúde Sexual e Reprodutiva ou a do matrimonio igualitario, entre outras”.
“Xa son máis de 20.000 parellas as que nos últimos seis anos puideron exercer o seu dereito ao matrimonio en igualdade”, subliñou o dirixente socialista. “Neste tempo, España colocouse na vangarda dos dereitos humanos e dos dereitos civís, entre outros os de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. Desde o ano 2005 no que se aprobou o matrimonio igualitario, son xa dez países máis os que recoñecen este dereito, así como sete estados dos EUA e México DF”, indicou Zerolo, quen engadiu que “cómpre defender as conquistas sociais ante o PP, porque os dereitos civís hai que reivindicalos, conquistalos, celebralos e agora toca defendelos”.
O responsable de Movementos Sociais volveu esixirlle ao PP que “retire o seu recurso do Tribunal Constitucional e se sume ao amplo consenso social e político que existe en España en torno ao recoñecemento do matrimonio igualitario”. Zerolo indicou que “o PP segue a ser o partido da involución en dereitos”.
lunes, 17 de octubre de 2011
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario