miércoles, 17 de noviembre de 2010

SE XA TEDES A LEI, TÉDELO TODO, ¿POR QUE SEGUIDES LOITANDO?


É a terceira vez en poucos meses que escoito esta frase, máis ou menos literal. A primeira dunha persoa supostamente progresista e que traballa para una televisión teoricamente de esquerdas. A segunda xurdiu nun debate entre colectivos, asociacións, ong´s, políticos e algunha xente máis. A terceira foi nunha entrevista telefónica que me fixo unha xornalista que non coñezo.

SE XA VOS PODEDES CASAR, SE O TEDES TODO XA CONSEGUIDO, é unha das frases máis homófobas que escoitei en moito tempo. Móstranos un descoñecemento total das problemáticas das persoas homosexuais e transexuais e eu creo que ante calquera problemática que teñan as minorías. Pero ademais estannos a dicir iso de "deixamos que vos casarades, volvede ó voso armario e seguide caladiños". Se xa temos leis para case todo, pechemos as concellerías de Servizos Sociais, as de Igualdade, programas de inclusión. ¿Estanme a dicir isto estas persoas? Eu interprétoo así. Como di o Goberno Valenciano de Camps "Se non hai programas de apoio ás persoas heterosexuais ¿por que imos subvencionar políticas de apoio ás persoas homosexuais?".

Volvede ós armarios que é de onde non debestes saír. Casádevos pero non mo digades, facede a vosa vida en segredo ou de noite cando non vos vexamos. Parece que lles moleste a nosa visibilidade e que queiramos a nosa igualdade real. Pois non, non queremos so o caramelo, queremos o mesmo que vós, queremos soamente ser "iguais".

Facer unha lei é un paso moi importante e recoñece uns dereitos e da unha seguridade xurídica total ós colectivos ós que vai dirixida esa lei. Pero sabemos que a promulgación dunha lei é o comezo dun largo camiño cara a igualdade real. Sábeno ben as mulleres ás que 30 anos despois de ter a igualdade legal inda lles queda moito para a igualdade real. Se un profesor se atopa cun caso de homofobia na súa aula ¿sabe como actuar?. E a policía ante un caso de agresión homófoba ¿sabe como actuar?. ¿Ou por que seguen a preguntarme o nome da miña muller cando digo que estou casado?. E non vamos a preguntar por se existe un protocolo de actuación no SERGAS no caso de que entre un transexual nunha consulta. ¿Por qué segue máis do 80 % da poboación vivindo no armario, vivindo unha vida que non é a súa, co custe para a súa saúde mental que isto supón?

Por iso hai que facer políticas de normalización, de visibilización e de educación. E tamén políticas de apoio ás xentes que sofren homofobia e bullying, así como actuar contra as persoas que realizan estes actos de acoso ás persoas LGTB.

Fito Ferreiro Seoane
Coordinador do grupo LGTB del PSdeG-PSOE

No hay comentarios: