21 de marzo de 2010
A discriminación racial é unha negación dos dereitos humanos. Por este motivo os Socialistas de galicia celebran, un ano máis, o Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial desde o desexo de lograr unha sociedade máis igualitaria, xusta, libre e plural.
Hoxe hai 40 anos que a policía matou en Sudáfrica a 69 persoas que
de forma pacífica se manifestaban contra as leis de pases do apartheid. Seis anos despois, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas dedicou ese día a que a comunidade internacional redobre os seus esforzos ante calquera forma de discriminación. Dende entón, 177 países, entre os que está España, subscribiron a Convención Internacional de Eliminación de todas formas de discriminación racial. No noso esforzo por lograr un país cada vez máis avanzado, máis igualitario, no que ningunha persoa se sinta discriminada, os socialistas tratamos de facer posible ese novo Mundo que queremos.
Nos últimos anos, grazas ao Goberno de Zapatero, eses esforzos vanse facendo realidade, tal e como se reclamou na Conferencia de Durban en 2001. A Lei de Igualdade de Trato e contra a Discriminación, cuxo anteproxecto elabora o Goberno, colocará ao noso país en primeira liña da garantía do dereito a igual consideración, trato e oportunidades. Ademais reforzará os instrumentos para combater a discriminación racial, dotará de maiores e mellores recursos ás vítimas de discriminación, e reforzará o papel da Fiscalía na persecución dos actos discriminatorios.
Debemos ademais congratularnos por que este ano o Congreso dos Deputados aprobase por unanimidade unha Proposición Non de Lei de Recoñecemento da Comunidade Negra, Africana e Afrodescendente do noso país. Impulsada desde o Grupo Federal Afrosocialista do PSOE, a resolución rende homenaxe aos millóns de persoas que tiveron a coraxe de loitar contra a escravitude no mundo enteiro.
Os tres anos de funcionamento do Instituto de Cultura Xitana, ou a inminente aprobación polo Goberno do Plan de Acción para o Desenvolvemento do Pobo Xitano 2010-2012, co obxectivo de impulsar novas accións que corrixan os desequilibrios existentes entre a poboación xitana e o conxunto da poboación española, así como promover diversas formas de participación e desenvolvemento social que favorezan o pleno exercicio de dereitos e o acceso aos bens e servizos da poboación xitana, son boa proba do compromiso que os socialistas temos coa eliminación de calquera forma de discriminación racial.
Neste día pedimos a toda a cidadanía española, e a todas as institucións públicas e privadas, que sumen os seus esforzos para lograr un mundo igualitario no que non teña cabida ningún tipo de discriminación.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario