Recomenda ao PP “maior prudencia porque a única ONG investigada pola oficina antifraude da Unión Europea é afín ao partido que dirixe Mariano Rajoy”
O secretario de Movementos Sociais e Relacións coas ONG, Pedro Zerolo, sinalou que o sistema actual de subvencións “ten o respaldo das ONG e do Congreso dos Deputados que o avalou de forma unánime”. O dirixente socialista pediulle ao PP que “respecte ás grandes organizacións sociais e humanitarias do noso país e deixe de falar no seu nome, sen coñecer a opinión destas”, o que ao seu xuízo pon de manifesto “a falla de interese dos dirixentes do PP polo tecido asociativo do noso país, falando en nome de ONG ás que non piden opinión ningunha”, sinalou.
Zerolo recomendoulle ao PP, neste sentido, “maior prudencia”, porque “a única ONG investigada pola oficina antifraude da Unión Europea e pola Intervención Xeral do Estado é CIPIE, que dirixe Pablo Izquierdo, antigo responsable de prensa do partido que dirixe Mariano Rajoy”. A este respecto, indicou que esta ONG segue a recibir diñeiro público da Comunidad de Madrid. “O Partido Popular quere estender a dúbida sobre todas as ONG e os procesos de adxudicación para intentar salvar á única que neste momento está sendo investigada”, subliñou.
“As críticas do PP son tremendamente irresponsábeis, pois apuntan a unha grave acusación que pon en dúbida unhas convocatorias da AECID que responden a un rigoroso proceso de valoración técnica”, explicou o responsable socialista. Neste sentido, aclarou que a ONG Solidaridad Internacional non é a que máis fondos recibiu. No período 2010-2013, o convenio máis amplo adxudicouse a Entreculturas-Fe y Alegría e ascende a 16 millóns de euros. Cruz Vermella foi a entidade máis financiada no período 2004-2010 con 72,4 millóns de euros, indicou Zerolo.
“O PP non pode darnos leccións respecto a transparencia e eficiencia no repartimento de subvencións” sinalou Zerolo, ao tempo que puxo de manifesto “que nunca como agora co Goberno Zapatero teñen recibido as ONG tantos recursos”. De feito, puxo como exemplo que dúas das grandes ONG, Cáritas e Cruz Vermella, ás que o PP sinala como supostas prexudicadas, son as entidades que meirandes subvencións recibiron do Ministerio de Sanidad y Política Social a través da asignación tributaria do IRPF: entre as dúas recibiron 51.970.966 euros, “o que supón un 27,4% do total do importe concedido”, afirmou o responsable socialista de Movementos Sociais.
Finalmente, Zerolo sinalou que os dirixentes do PP propoñen medidas fiscais que se encontran recollidas no programa electoral dos socialistas do ano 2008, e que o PSOE vén traballando hai máis de dous anos coas grandes plataformas asociativas do noso país, a fin de concretar o alcance das medidas e os ámbitos de aplicación, “polo que recomenda ao PP que deixe de propor medidas que nin levaba no seu programa electoral nin se molestou en consensuar coas organizacións sociais do noso país”.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario