jueves, 24 de junio de 2010

A OIT aproba a primeira norma internacional para combater a discriminación dos enfermos de VIH/SIDA no traballo


XENEBRA, 17 de xuño
   A Organización Internacional do Traballo (OIT) aprobou este xoves por maioría a primeira norma internacional para combater a discriminación dos enfermos de VIH/SIDA no lugar de traballo. A recomendación, non vinculante, insta aos países a crear programas de prevención da SIDA nas empresas e a axudar aos traballadores infectados a seren produtivos durante o maior tempo posible.
   Funcionarios gobernamentais, grupos empresariais e sindicatos aprobaron por ampla maioría esta medida na conferencia anual da OIT, tras dous anos de discusións. O acordo tamén cobre as Forzas Armadas e os servizos uniformados, informou hoxe a axencia da ONU.
   "Coa recomendación podemos garantir a confianza na seguridade laboral e no acceso ao tratamento --dixo Sophia Kisting, directora do programa da OIT para o VIH e a SIDA no mundo do traballo--. Queremos eliminar o silencio e a vergonza en torno a isto e facerlle saber á xente que non perderá o seu traballo e non será marxinada", asegurou aos periodistas.
   Agora, os 183 estados membros da axencia da ONU deberán decidir como integran o principio internacional ás súas políticas e lexislacións nacionais.
   Nacións Unidas estima que 33 millóns de persoas en todo o mundo están infectadas co virus que causa a SIDA e di que as persoas están vivindo máis tempo grazas á dispoñibilidade de fármacos.
   A recomendación é menos poderosa ca unha convención da OIT que require ratificación, pero busca harmonizar os programas.
   "Deica o día de hoxe, o estigma e a discriminación seguen significando perda de empregos, falta de acceso a postos de traballo e que a través do medo e a tardanza en realizarse o test de VIH pódese perder unha vida", dixo Kisting.
   Os empregadores deben acomodar aos traballadores infectados e formalos para que adquiran novas capacidades. O apoio psicolóxico dos colegas cando un está enfermo (...) é moi importante para impulsar as ganas de vivir", concluíu.

No hay comentarios: