miércoles, 30 de junio de 2010

Vista atrás

ORGULLO LGTB CORUÑA 2010

Pasou outra semana do orgullo e creo que máis que nunca deixounos a todos cun regusto doce, moi doce.
Este ano houbo xente que se empeñou en distraer a nosa atención, en facernos mirar para outro lado e sobre todo a tentar que as árbores non nos deixasen ver o bosque; teño que recoñecer que por momentos conseguírono.
Foi un orgullo, longo; unha semana, e con actos variados entre o festivo, o reivindicativo e o cultural. Está claro que non todos saíron ben, non todos foron perfectos, pero o resumo é ó fin inmellorable. Creo incluso que eses pequenos borróns fixeron ó final brillar moito máis ó resto.
Empezamos co despregue da bandeira, algo que a moitos vos parecerá unha parvada pero que a min fíxome que cada vez que paseei estes días polo paseo marítimo e vía a bandeira puxéranseme os pelos de punta… isto era impensable fai uns anos… O dito, empezamos co despregue, un grupiño dunhas corenta ou cincuenta persoas que acudimos a escoitar as verbas do concelleiro de deportes Xoán Caxigal e ó posterior concerto de Manu Clavijo e Silvia Penide. Tivemos ese día o gran borrón de non ser capaces de reunir a suficiente xente para xogar ese partido de voleibol que nos propuxéramos…
Logo viu a festa Abba, unha gran idea que quedou un pouco lastrada polo lugar e a hora, e sobre todo pola incapacidade de ter bebidas alcohólicas dentro do centro cívico. Creo que é unha boa idea a repensar e reubicar…
A festa Abba serviunos para ver a exposición de cadros do noso amigo Monbear que a verdade sorprendeume moi gratamente.
Tanto a mesa redonda como a charla de Generelo cumpriron o seu obxectivo xa que non son actos para multitudes, pero si actos necesarios para completar todo o abanico de actividades ó que queremos chegar.
O prato forte foi o sábado. O tranvía da diversidade foi unha idea divertida, lucida, colorista e sobre todo moi alegre. Foi bonito ver como logo toda esa xente que se apuntou ó viaxe e abarrotou o tranvía acompañounos a María Pita a dicirlle ós nosos conveciños iso de “Ola, estamos aquí”. Toda a xente estivo receptiva e aplaudiu ó final da lectura do manifesto, foi unha gozada…
A festa en Azcárraga demostrou unha cosa, xa está asentada, xa é un acontecemento do verán que a xente agarda e cada vez terá menos peso o grupo invitado e máis o ambiente agradable xerado nela. Os Dj’s estiveron xeniais, as Drag-queens tamén, e para o meu gusto o punto débil, inda que non malo, foi o grupo principal que estivo un tanto “eslamiado” e o cantante un pouquiño pasado de voltas. O final de festa foi apoteósico con toda a praza cantando ó unísono o “como una ola” da gran Rocío Jurado, un fin de festa un tanto “friki” pero incrible.

Despois disto pódenvos contar o que queiran, pódenvos dicir que o importante é a confrontación, o gasto innecesario, o que queiran, isto é o que pasou e no hai máis… Que había outros compañeiros do movemento LGTB con outra festa alternativa, por suposto, e agardo que lles fora tan ben como a nós e cumpriran todos os seus obxectivos. Oxalá esta festa do Orgullo fose como San Xoán e toda a cidade estivese salpicada de pequenas festas ás que todo o mundo acudise. Non vamos nunca a dedicarnos a loitar contra outros grupos LGTB, a nosa loita é outra moi distinta, a nosa loita é tentar que todos e cada un dos cidadáns deste país poidan desenrolar a súa vida en normalidade e sacar todo o partido ós dereitos que tanto nos levou alcanzar.
Dinnos dende outro colectivo que esta festa non fai falta, que iso hai que dedicalo a realizar actividades sociais, a eles dígolles que non hai nada máis social que xuntar a familias con nenos, xente maior, parellas de gais, parellas de lesbianas, transexuais... todos xuntos, gozando e facendo que o único importante nese momento sexan os lazos que os unen e non as diferenzas que os fan especiais a cada un deles. De todas formas, teño que dicir que isto cada vez recórdame máis ó señor Benedicto XVI, que dende o luxo do Vaticano predícanos austeridade, xenerosidade… probablemente haxa grupos que co que costa o aluguer da súa sede gasten ó ano bastante máis do que costa a “unión do orgullo”; pero ese é o seu problema, cada un decide como gasta o seu diñeiro e o seu tempo. Nós témolo claro, o noso tempo, que non é moito, dedicámolo a intentar apoiar en todo o que podamos ó movemento LGTB, a todos, da igual a súa cor política, e como diñeiro non temos, seguiremos sendo o “Pepito Grilo” que lle pida ás administracións máis e mellores políticas de igualdade que melloren a nosa vida e consigan que a tan ansiada NORMALIZACIÓN chegue algún día.

FELIZ DÍA DEL ORGULLO 2010.

Isaac Gonzalez.

No hay comentarios: