jueves, 24 de marzo de 2011

Ramil ('Operación Triunfo'): "O negativo para a carreira dun cantante é non ser honesto cun mesmo"


A diferenza doutros concursantes, non tivo problema en dicir na Gala 0 que era homosexual e que estaba casado, deixando ben claro que non tiña intención ningunha de ocultar quen e como era. Enrique Ramil empezaba así a súa estancia en ‘Operación Triunfo’ 2011 (Telecinco), no que, malia o pouco tempo que durou en emisión, puido demostrar que aptitudes musicais ten para dar e regalar.
Case dous folios teño de currículo deste galego, nacido en Ares (A Coruña) o 18 de xuño de 1984. E é que a súa carreira empezou con só 3 anos, cando entrou a formar parte do coro xuvenil da Parroquia de San Xosé da súa vila natal. Desde aquela, estudou danza, interpretación, teatro musical e, por suposto, canto. Canto á súa experiencia sobre o escenario, basicamente ten feito de todo: desde formar un grupo con fins benéficos – Voces Solidarias – , ata actuar na obra de teatro ‘Paquitadora’, pasando por converterse en varios personaxes da noite como travestí.
Canto á televisión, non só pasou por ‘Operación Triunfo’, senón que tamén estivo en ‘Tú sí que vales’ e ‘La Batalla de los Coros’, como membro do coro de Marta Sánchez. Dende logo, se os triunfitos teñen fama de pouco talento ou de conseguir unha fama regalada, neste caso o clixé non se axusta en absoluto. Ramil é alguén que paga a pena coñecer, non só como cantante, senón tamén como persoa.
Pregunta: Cal é a valoración do teu paso por ‘Operación Triunfo’?
Resposta: Do un ao dez, un doce. Estou infinitamente agradecido aos que me deron a oportunidade. Desde o primeiro casting sentinme satisfeito porque vin que non son o único que cre no que fago e me deron a oportunidade de aprender cousas que non tería aprendido en ningún outro lugar. De todos modos, é cedo para facer unha valoración obxectiva. Coido que dentro duns anos dareille aínda máis valor a ter vivido unha experiencia como esa.

P: Desde a gala cero non tiveches problema en dicir que eras gai e que estás casado. Que opinas doutros concursantes que non foron quen de facelo?, e non me refiro só a esta edición.
R: Opino que cada un é completamente libre de decidir ata que punto quere que o público coñeza a súa vida persoal. Estou casado cun home. Xa sei que non preciso ir contándoo por aí, pero tampouco teño que agochalo. Só me expreso con naturalidade. Grazas a Deus non son o único gai que saíu en televisión e así aforro ter que explicar “señores, son gai pero non todos os gais son coma min, non me fago abandeirado de nada”.
P: Cres que aínda hoxe en día ser gai pode ser negativo para a carreira dun cantante?

R: A miña opinión de cantante que está empezando é que hai que ofrecer algo no que creas. Creo que para a carreira dun cantante o único que pode ser negativo é non ser honesto cun mesmo.
P: Que consideras que fallou nesta edición para que finalmente a cadea decidise retirar o programa?

R: Non o sei. En ‘OT’ eu só me encargaba de cantar e aprender. É como se me preguntas por que cambiaron ‘Allá Tú’ a Cuatro.
P: Veña, vai, agora que non hai ninguén por aquí, cóntame a verdade. Hai tema entre o teu compañeiro Álex e Marco Da Silva?.
R: Hahaha! Non é a primeira vez que mo preguntan, a verdade. Eu non vin nada, pero hei de dicir que Marco tiña moi boa relación con todo o mundo, non só con Álex. Iso é o que lle facía sacar o mellor de nós.
P: Cambiando de tema, quen é Pinha Pastori?.
R: Pois Pinha Pastori foi o primeiro personaxe drag que creei para traballar na noite madrileña. Pinha era como unha cativa con mal xenio, pero bo fondo. Empezou a facerse coñecida e chamábanme xa non só de Madrid. Durou algo máis de un ano. Despois descansei un tempo e creei a Cocó Mandala, que era como a irmá maior, máis enfocada ao jazz e a levar músicos en directo.

P: Arrepínteste de ter traballado na noite travestido?. Volverías a facelo?.
R: Non me arrepinto. É unha época que lembro con moito cariño. Cantaba en directo cada noite e iso ensinoume moitas cousas. Para min é un orgullo ter conseguido levar un show como o de Cocó ao gran público, non centralo soamente no público gai. Co espectáculo de Cocó cumprín dous soños: cantar en Londres, na Royal Vauxhall Tavern, e cantar na Coruña, no Teatro Rosalía de Castro. Na data da Coruña fixen unha despedida de Cocó. Cantei a primeira parte caracterizado e a segunda “sen adornos”. Nunca direi “desta auga non beberei”, pero nesa actuación cerrei unha etapa moi bonita para concentrar toda a miña enerxía nun proxecto concreto.
P: E agora que?, como enfocas a túa carreira despois de ‘Operación Triunfo’?
R: Agora a seguir. No meu caso enfoco a carreira facendo o que facía antes pero co chute de optimismo e coñecementos que supuxo para min ‘OT’. De momento o único que podo confirmar é que todo o que se vaia facendo, datas de xira e todo iso, estarán en blusensmusic.com

No hay comentarios: