lunes, 28 de marzo de 2011

O GRUPO LGTB DO PSDEG DENUNCIA O “REACCIONARISMO” DO PP AO REXEITAR A CREACIÓN DUN PLAN CONTRA A DISCRIMINACIÓN DAS PERSOAS HOMOSEXUAIS E TRANSEXUAIS


Fito Ferreiro: “Instamos á Xunta de Galicia a que faga políticas reais a través da visibilidade, a normalización e a educación que axuden a conseguir a igualdade real do noso colectivo. E pedímoslle que deixe de usar ó noso colectivo de xeito electoralista.”


Santiago de Compostela, 24 de marzo de 11. O coordinador do grupo LGTB do PSdeG, Fito Ferreiro denunciou que “o PP volve unha vez máis mostrar a súa cara máis reaccionaria rexeitando a creación dun plan contra a discriminación das persoas homosexuais e transexuais”

Ferreiro fixo estas declaracións logo de saber que no debate do Estado da Autonomía, o Grupo Parlamentario Socialista propuxo que se instase á Xunta á creación dun plan contra a discriminación das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.”

“Non nos estraña este rexeitamento, pois como dixo no mesmo debate o Portavoz Parlamentario do PSdeG-PSOE, Abel Losada, facendo referencia ó PP: “vostedes énchense a boca falando das familias ¿refírense tamén ás familias que teñen recorridas diante do Tribunal Constitucional?”, subliñou.

Ferreiro denunciou a hipocrisía do goberno de Galicia que “utiliza electoralmente ás persoas LGTB, asistindo a cursos, conferencias e ás inauguracións das sedes do Colectivo COLEGA, pero que logo non ten interese en implicarse en realizar accións para que as persoas LGTB poidamos vivir sen discriminación”.

Neste senso, lembrou que “as accións que realizou o ano pasado o goberno do PP referíronse soamente ó tema SIDA, accións que non son exclusivas das xentes LGTB. Ademais, denunciou que “están cambiando a filosofía dos centros QUÉROTE converténdoos nuns centros de aire libre, deixando de ser centros de asesoramento á xuventude en temas de saúde sexual e orientación xuvenil.”

“Preguntámonos onde está nestes momentos o programa ENTENDO que os centros QUÉROTE puxeron en marcha durante o goberno de Emilio Pérez Touriño”.

Ferreiro apuntou que “dende que o goberno socialista aprobou a Lei de Matrimonio Homosexuais, existe a crenza de que as lesbianas, gais, transexuais e bisexuais témolo todo conseguido. Sen embargo, isto non é certo xa que homes e mulleres están a sufrir igualmente a homofobia"

“Instamos á Xunta de Galicia a que faga políticas reais a través da visibilidade, normalización e educación do feito homosexual e transexual que axuden a conseguir a igualdade real do noso colectivo. E pedímoslle que deixe de usar ó noso colectivo de xeito electoralista.”

Plan contra a non discriminación das persoas LGTB
O responsable do colectivo lembrou que “neste plan contra a non discriminación das persoas LGTB está traballando nel a voceira de igualdade do Grupo Parlamentario Socialista, Silvia Fraga, xunto coa Secretaría de Movementos Sociais e Igualdade do PSdeG-PSOE, Laura Seara seguindo a proposta do noso grupo e cos colectivos homosexuais e transexuais de Galicia”.

Neste senso, engadiu que “a proposta deste Plan trasladarase ó Parlamento en forma de Proposición de Lei, na cal abordarase a cuestión dun xeito transversal, pois preténdese implicar as diferentes áreas dos Gobernos tanto autonómico, como locais e incide en oito ámbitos: lexislativo e xurídico, laboral, da saúde, educativo, cultural, da comunicación, do benestar e da participación e a solidariedade”.

No hay comentarios: