martes, 28 de junio de 2011
MANIFESTO DO PSdeG-PSOE NO DIA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTB 2011
O 28 de xuño conmemóranse en todo o mundo as revoltas de Stonewall
no Greenwich Village de Nova York en 1969, acontecemento que supuxo o
nacemento do movemento de liberación gai, lésbica, transexual e bisexual
(lgtb), e que se celebra en todo o mundo como o Día do Orgullo LGTB. Un
ano máis as mulleres e homes socialistas sumámonos a esta celebración
da dignidade, a igualdade e a diversidade.
As mulleres e homes socialistas sentímonos orgullosos de ter liderado
e impulsado de forma decidida as profundas transformacións que en
materia de dereitos civís para a poboación lgtb se produciron no noso
país nos últimos sete anos. Unhas iniciativas lexislativas que colocaron
ao noso país na vangarda dos estados que recoñecen a igualdade legal
e a dignidade de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. Malia estes
importantes avances, aínda quedan cousas por conseguir e realidades
que cambiar para garantir que a liberdade e a igualdade, que a nosa
Constitución proclama, sexan reais e efectivas para toda a poboación lgtb.
Na maioría das nosas sociedades aínda queda moito camiño para acadar
a igualdade real, social e integral das persoas homosexuais, bisexuais
e transexuais en todos os ámbitos: a educación, o mundo do traballo,
o acceso igualitario aos bens e servizos, os medios de comunicación, o
deporte, a realidade rural... Reivindicamos a iniciativa do noso Partido coa
proposta de Lei Integral para a Igualdade de Trato e a Non Discriminación
que o Goberno remitiu ás Cortes para o seu debate e aprobación. É unha
iniciativa lexislativa que incluirá, entre outros ámbitos de acción, a loita
contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de
xénero, e que colocará ao noso país na vangarda dos países que promoven
políticas antidiscriminatorias integrais e efectivas. É o noso compromiso
coa xustiza e coa continuidade do proxecto de dignificación da nosa
sociedade levado a cabo polo Goberno e o Partido Socialista. Será tamén
unha homenaxe a todas e todos os que nos precederon na loita pola
igualdade, e a todas e todos quen, aínda hoxe, sofren violencia física ou
moral, medo ou limitacións impostas polas súas opcións de vida a causa
do odio ignorante de quen perseguen o amor, a liberdade e a igualdade.
Non podemos deixar de denunciar que 76 países penalizan as relacións
sexuais entre persoas do mesmo sexo, e que sete (Mauritania, Sudán,
Arabia Saudita, Irán, Iemen, 12 estados do norte de Nixeria e partes
meridionais de Somalia) fano coa pena de morte. Unha vez máis,
repudiamos esta insostible situación e chamamos a estes países a que
modifiquen as súas lexislacións e respecten os dereitos humanos dos seus
cidadás e cidadáns lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. Celebramos a
Resolución A/HRC/17/L.9/Rev.1 sobre “Dereitos Humanos, orientación
sexual e identidade de xénero”, copatrocinada por España, que o Consello
de Dereitos Humanos de Nacións Unidas aprobou o pasado 17 de xuño
en Xenebra. Esperamos que este novo instrumento internacional acabe
coa persecución legal de que son obxecto lesbianas, gais, transexuais e
bisexuais no mundo polo simple feito de selo.
Aquí no noso país, non debemos esquecer que o PP mantén o seu
vergonzoso recurso no Tribunal Constitucional á Lei de matrimonio
entre persoas do mesmo sexo, un recurso que, como xa teñen posto
de manifesto os seus dirixentes, non ten unha finalidade xurídica senón
ideolóxica: a obstinación do PP de impedir a toda costa a igualdade
legal de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. Unha Lei que, como
xa deixou claro Mariano Rajoy, sería derrogada se o PP gobernase en
España, aínda que conte co aval do propio Tribunal Constitucional. Esta
é unha manifestación máis da deriva ultraconservadora do PP, que pon
de manifesto a necesidade de defender de forma rotunda a igualdade
conquistada fronte a quen desde o PP pretenden unha involución nos
dereitos conquistados e as liberdades alcanzadas.
Este ano, ademais cúmprense 30 anos dos primeiros casos diagnosticados
de SIDA no mundo. Tres décadas despois do recoñecemento da epidemia
seguen a producirse violacións dos dereitos humanos que impiden
abordar o VIH, desalentan ás persoas afectadas a acudir aos servizos
sanitarios e de apoio, e aumentan enormemente a vulnerabilidade fronte
ao VIH. O estigma e a discriminación son os meirandes impedimentos para
lograr un progreso acelerado na resposta ao VIH. Non debemos esquecer
que o machismo, o racismo, a xenofobia, a homofobia e a transfobia son
graves violacións dos dereitos humanos, que ademais, impiden e dificultan
gravemente o dereito á saúde. Apostamos por seguir impulsando as
políticas de prevención e promoción do uso do preservativo nas relacións
sexuais como o instrumento máis eficaz para previr a transmisión do VIH.
Un ano máis queremos reiterar o noso agradecemento á labor que
desempeñan as organizacións de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais,
sen cuxo traballo, esforzo e compromiso, os cambios que se produciron no
noso país non serían posibles, e a quen animamos a seguir defendendo as
conquistas alcanzadas nestes sete anos.
Finalmente, o PSdeG-PSOE fai un chamamento a todos os seus militantes e
simpatizantes e a toda a cidadanía a participar activamente nos actos
que con motivo do Orgullo se celebrarán en todos as vilas e cidades do
noso país e, especialmente, a acudir a la Manifestación Estatal do Orgullo,
que co lema “Saúde e Igualdade por dereito” se celebrará en Madrid o
vindeiro sábado 2 de xullo.
Madrid, a 28 de xuño de 2011.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario