miércoles, 7 de octubre de 2009

EFEBOFÍLIA (xustificar o inxustificable)





É cando menos curioso pensar no tempo que necesitamos unha parte da poboación LGTB en deixar de ser considerad@s enferm@s e o doado que é ser linguófilo, é dicir, que che gusta a lingua e, que se me entenda, xogar coa lingua no máis estrito sentido semántico, por Deus!.

É cando menos curioso ver o doado que é empregar os eufemismos para disimular os poucos matices morais que queiramos intentar crer que se manteñen entorno ao noso sagrado corpo relixioso (e cando digo queiramos refírome máis ben a un intento de escribir o noso propio ensaio sobre a cegueira e pretender non ver). Agora xa non existe a pedofilia, Silvano Tomassi deixou clara a obviedade, tamaño desaxuste moral non é máis que unha ilusión dentro do mundo da castidade moral máis absoluta, a culpa é desa pequena porcentaxe de maricóns que se coan entre os hábitos e por riba sofren desa pequena tara psico-sexual (e que viva Freud e a psicanálise decimonónica) que os leva a desexar a tenros efebos propios da época clásica e acenden as súas paixóns e instintos da maneira máis inevitable. E a culpa é de quen fai isto, claro, como fonte de desexo carnal.

É cando menos curioso ver como podemos pasar dun lado ao outro da linguaxe en busca dunha rectificación xamais considerada. Da metáfora de “un amor desmedido polos castos corpos da pureza”, ao eufemismo da efebofilia, á realidade pedófila de violación e abuso. E como ese mesmo argumento pode ser utilizado para eternas razzias legais contra esas capas de poboación que conviven coa perigosa mestura que para a moral pública supón a diferenza xeracional e o sexo. Cal é a diferenza?. A dominación, o dano, o exercicio de poder sobre aquel efebo que non quere ningún contacto co efebófilo de quenda que non pode resistirse á sua clásica beleza. Ou quizais poidamos empezar a pensar como Mendicutti e crer como facía non hai moito nunha columna, que utilizar a un prostituto suramericano non se chama prostitución e explotación, senón reactivación da economía dun país subdesenvolvido, achacándoo ao eterno paternalismo occidental marca da casa colonial.... Pensar mal sobre o exercicio de poder e dominación quizais sexa produto da miña propia mala dixestión, pero polo momento todo este balbordo montado por Tomassi valeu para evitar lembrar estatísticas, informes e datos que deixen no seu sitio estas declaracións, e mentres seguimos saboreando o rancio tufo de quen se escuda na moral para sinalar con dedos acusadores e desmarcarse entre halos de santidade.

É curioso ver como todo acaba sendo poesía. Agora a plana maior do clero preséntanos a efebofilia como forma de limpar as súas sotanas dos restos de fluídos corporais que neles poidan quedar. E quizais debamos pensar na necesidade de elevar novos altares ao clero 2.0 por manter na era tecnolóxica o seu interese no nome da estética, dunha linguaxe poética e non agresiva, rimbombante e de pluma exquisita...

Definitivamente, ás veces penso nas posibilidades que abre o analfabetismo... Pero só o moral.

Nelson G. Rodríguez Avilez
Colectivo 7Cores

No hay comentarios: