jueves, 8 de octubre de 2009

A Sanidade pública vasca financiará as operacións de cambio de sexo e creará a Unidade de referencia no Hospital de Cruces



Osakidetza comezou a formar facultativos neste tipo de cirurxía e a adaptar os recursos da Unidade

Antes de quince días, o Consello de dirección do Servicio Vasco de Salud-Osakidetza, dependente do goberno Vasco, dará o visto e prace ao protocolo de actuación da Unidade de Diagnóstico para transexuais que estará situada no hospital biscaíño de Cruces.

Unha prestación á que se suma o diagnóstico e tratamento completo do proceso para que a terapia médica sexa “integral”. Segundo fontes sanitarias, aínda que non se decidiu cando se porá en marcha este tipo de intervencións, si comezou a formación dos facultativos neste tipo de cirurxía e a adaptación dos recursos da Unidade.

Aínda que de forma non oficial xa está funcionando desde hai meses, "iso si, con bastantes limitacións", os equipos de profesionais teñen xa ultimados todos os protocolos de actuación con estes pacientes. Osakidetza centralizará en Cruces todos os casos, que non superan en todo o País Vasco a trintena.

Un equipo multidisciplinar orientará desde o principio aos homes e mulleres transexuais que acudan a recibir terapias ou pidan información. "Trátase de facilitarlles o acceso sanitario sen que teñan que dar tantas voltas", aseguran fontes sanitarias.
Desde a posta en marcha da Unidade no hospital de Cruces, Osakidetza atende as primeiras fases dos pacientes transexuais, como o diagnóstico e o tratamento hormonal, "pero en cambio non se fai cargo da cirurxía de asignación de sexo".
Ata agora, Sanidade alegaba que a unidade interdisciplinar de xénero -que aglutinará a especialistas en sexoloxía, psicoloxía, psiquiatría, logopedas, endocrinoloxía, cirurxía...- non realizaba intervencións de reasignación de sexo porque a demanda de pacientes non xustificaba a súa implantación na Comunidade Autónoma Vasca, "pero se un transexual necesitaba ser intervido era derivado a dous centros do Estado cos que Osakidetza tiña acordos".

No hay comentarios: