martes, 6 de octubre de 2009

I XANTAR POPULAR POLA VISIBILIDADE RURAL EN MONTERROSO

O I Xantar Popular pola Visibilidade Rural reuniu, o pasado sábado 26 de setembro en Monterroso, a gais, lesbianas, transexuais e bisexuais chegados de toda Galicia. O acto foi organizado polo grupo LGTB do PSdeG-PSOE. Con esta festa o grupo quixo mostrar o seu apoio ás xentes homosexuais e transexuais que viven no rural. Facer visible o feito LGTB no ámbito rural, para axudar a dignificar a vida dos nosos compañeiros e compañeiras.

Os participantes fomos recibidos polo alcalde de Monterroso, o noso compañeiro socialista Antonio Gato. Tamén asistiu a nosa compañeira de partido Laura Seara, en calidade de secretaria de Igualdade do PSdeG. Seara valorou o acto como unha plataforma para "defender o dereito de todas as persoas a vivir a súa vida en liberdade" e en contra da “discriminación por razóns de orientación sexual". Para a deputada do PSdeG, o obxectivo desta romaría é "facer visible o feito homosexual nas zonas rurais" e, por elo, elixiuse Monterroso para a celebración.

A parlamentaria socialista manifestou o seu desexo de que a chegada do PP á Xunta, "partido que mantén unha postura contraria a moitos dos dereitos conseguidos nos últimos anos", non supoña un paso atrás. “Estaremos vixiantes", advertiu, "as realidades de hoxe eran sonos onte, pero hai que traballar día a día, para que os gobernos non esquezan que este outro mundo existe", remarcou Seara.

O coordinador do grupo de traballo de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (LGTB) do PSdeG, Fito Ferreiro, sinalou que a romaría é unha aposta pola “creación no rural galego dunha conciencia cidadá soidaria" que promova "un cambio de actitude" cara este colectivo. Pediu "indiferenza e paciencia" ante as persoas que "sempre se manifestaron contra os dereitos dos homosexuais e que queren crispar, violentar e provocar ás persoas que só piden igualdade".
Cando empezamos o xantar eramos case cincuenta persoas, chegadas de Lugo, Ourense, A Coruña, Pontevedra... Charlamos, contamos anécdotas, rimos... Ós cafés uníronse compañeiros e compañeiras do partido de Monterroso. Despois xogamos un rondo de fútbol e outros tamén xogaron un xogo de cartas de rol.

Ás seis da tarde acudimos ó auditorio do Centro Sociocultural de Monterroso. Juan Carlos Beceiro leu o manifesto pola "Visibilidad Rural". Logo disto empezou o espectáculo co cantante Manu Clavijo e as drag-queens “Afrodita” e “Candy”. Ademais Guillermo e Kristal leron textos do poeta de Monterroso Lorenzo Varela. Despois como estaban en festa en Monterroso, xa de noite fomos ó pregón e logo tomamos uns viños coas xentes da vila.

Queremos dar as grazas ós compañeiros e compañeiras de Monterroso que axudaron a que esta festa fora un éxito. Foi un dia moi bonito e emotivo que esperamos repetir o vindeiro ano.

No hay comentarios: