jueves, 19 de mayo de 2011
MANIFESTO DO PSOE DE CORUÑA POLO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A HOMOFOBIA E A TRANSFOBIA 2011.
Os Socialistas da Coruña queren sumarse un ano máis á celebración do 17 de maio, Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia, que foi recoñecido en España por Acordo do Consello de Ministros de 26 de xuño de 2009.
Os socialistas da Coruña lembran a súa loita contra a homofobia a través das accións de goberno que se fixeron realidade no Concello da Coruña. Festival Visible Coruña, Coruña Cinema, rúa de Tomas Fábregas, Árbore de Marcela e Elisa, Semana do Orgullo LGTB e Servizo de Medicación e información LGTB son instrumentos que a través da visibilización, normalización e educación intentan mellorar a vida das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. Instrumentos validos para loitar contra a homofobia.
Malia os avances acadados nos últimos anos, a homofobia, a transfobia e a bifobia seguen a ser unhas das formas de odio máis estendidas, e a orientación sexual e a identidade de xénero seguen sendo obxecto de persecución legal en moitos países como pon de manifesto o “Informe de ILGA 2010 Homofobia de Estado”, que sinala que a homosexualidade está perseguida en 76 países, e castigada con pena de morte en Arabia Saudita, Irán, Iemen, Nixeria, Somalia, Mauritania, Sudán e, no caso de Afganistán, a sodomía é castigada a morte por lapidación.
Este ano queremos denunciar a persecución e o asasinato de activistas lgtb en África, especialmente o vil asasinato do activista David Kato en Uganda, tras unha campaña dun medio local chamando a asasinar ás persoas homosexuais, un país onde a extrema dereita política e relixiosa pretende instaurar a pena de morte para as persoas homosexuais, ou en Sudáfrica onde son frecuentes as violacións correctivas de activistas lesbianas, moitas das cales acaban en asasinato.
Debemos lembrar que a homofobia, a transfobia e a bifobia non só son expresións da violación dos dereitos humanos, senón que impiden e dificultan gravemente o desenvolvemento de programas sanitarios, especialmente no ámbito da prevención do VIH e das infeccións de transmisión sexual.
Pero a violación dos dereitos humanos das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais non é só cuestión doutros continentes, tamén en Europa estamos asistindo a un alarmante auxe das discriminacións por orientación sexual e identidade de xénero coa anuencia dos gobernos de dereitas. Exemplos desta involución témolos en países como Italia, onde a violencia cara a poboación lgtb aumentou de xeito significativo ante a pasividade das autoridades ou a denegación de permisos de conducir a persoas homosexuais co pretexto acientífico de que a homosexualidade é unha enfermidade. Outros países con gobernos de dereitas como Lituania estableceron leis que prohiben falar da orientación sexual e a identidade de xénero nos centros escolares, e en Hungría o goberno, de dereitas, modificou a Constitución do país para prohibir expresamente o dereito ao matrimonio para as parellas do mesmo sexo. En España, o PP mantén actitudes similares ás dos seus homólogos europeos mantendo aínda o seu vergonzoso recurso ante o Tribunal Constitucional á Lei que recoñeceu o dereito ao matrimonio ás parellas do mesmo sexo. Traballar contra a igualdade legal das persoas baseada na súa orientación sexual ou identidade de xénero é tamén unha clara forma de homofobia e transfobia, e isto é sen dúbida a que hai anos vén practicando o PP en España e os gobernos conservadores en Europa.
Neste día, o PSOE da Coruña fai un chamado a toda a cidadanía para que defenda os dereitos conquistados en España que recoñecen a igualdade e dignidade de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, e que nos situaron como un país referente no mundo, fronte a unha dereita cada vez máis extrema que trata de acabar coas conquistas acadadas nestes últimos anos.
Finalmente os Socialistas da Coruña reiteran o seu firme compromiso coa igualdade e a non discriminación, e están firmemente convencidos de que a futura Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación, cuxo anteproxecto aprobou o Goberno o pasado 7 de xaneiro, axudará a previr e erradicar as discriminacións que aínda subsisten na nosa sociedade, tamén as baseadas na orientación sexual e a identidade de xénero.
A Coruña, 17 de maio de 2011.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario