miércoles, 12 de mayo de 2010

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A HOMOFOBIA

Esta mañán o Parlamento de Galcia ven de aprobar unha declaración institucional polo DÍA INTERNACIONAL CONTRA A HOMOFOBIA.

Esta declaración institucional foi respaldada pola totalidade da cámara galega a iniciativa do Grupo Parlamentario Socialista, que deu traslado así ó Parlamento galego das demandas plantexadas polo grupo de homosexuais e transexuais dos socialistas galegos.





DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A HOMOFOBIA

Cando se cumpren 20 anos dende que a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde suprimiu a homosexualidade da súa lista de enfermidades mentais, é necesario mostrar a nosa solidariedade cos millóns de persoas que en todo o mundo seguen a sufrir graves discriminacións por razón da orientación sexual ou identidade de xénero e facer un chamamento a cidadanía e ás institucións públicas para erradicar a homofobia e a transfobia.

Os avances producidos a nivel legal para a erradicación das discriminacións por orientación sexual, non eliminan a persistencia desta na nosa sociedade. Por iso é unha labor das institucións traballar na loita contra estas discriminacións.
Tanto os poderes públicos como os e as cidadáns temos a obriga de axudar a sensibilizar e traballar a prol da igualdade real das persoas.

A información e a educación son os camiños para acadar unha sociedade máis xusta, onde as persoas poidan vivir en sintonía coa súa orientación sexual en todas as nosas vilas e cidades. O contexto actual esixe unha visibilidade máis cotiá que ofreza a realidade do colectivo homosexual e transexual en toda a súa diversidade dunha maneira positiva.

Os poderes públicos tamén deben loitar contra a transfobia homofobia, en todos os ámbitos da sociedade, especialmente durante a adolescencia, cando se está formando a personalidade e somos máis vulnerables, facendo plans especiais contra o “bullying”.

É importante lembrar que a nivel internacional a homofobia a transfobia e a bifobia poden ter forma da lei que condena as relacións sexuais entre persoas do mesmo sexo, como acontece en 80 países, ou incluso pena de morte, como acontece 8 nacións.


O Parlamento de Galicia condena estas discriminacións por motivos de orientación ou identidade sexual ou de xénero e considera que deben ser erradicadas, apoia a declaración do Día Internacional contra a homofobia, transfobia e bifobia e traballará para que a ONU urxa aos estados a tomar todas as medidas necesarias, lexislativas ou administrativas, para asegurar que a orientación sexual ou identidade de xénero non poida ser, baixo ningunha circunstancia, base para a acción penal.


O Parlamento de Galicia comprométese a traballar activamente contra a homofobia, transfobia e a bifobia e a efectivizar as previsións legais que prohiben a discriminación por razón de orientación sexual.

No hay comentarios: