martes, 11 de mayo de 2010

O PSOE reclama que a transexualidade deixe de estar catalogada como enfermidade mental


A iniciativa responde ao obxecto de “levantar os obstáculos e establecer as condicións que eliminen a discriminación que sofren as persoas transexuais"
O Grupo Parlamentario Socialista presentou hoxe unha Proposición non de Lei para que a transexualidade deixe de estar catalogada como enfermidade mental, como aínda se recolle na Clasificación Internacional de Enfermidades da Organización Mundial da Saúde e no Manual Diagnóstico Estatístico de Enfermidades Mentais da Asociación de Psiquiatría estadounidense.
Os socialistas piden ao Goberno que active “as xestións oportunas ante a Organización Mundial da Saúde, para a retirada da clasificación da transexualidade ou disforia de xénero como enfermidade mental, aproveitando o proceso actualmente en curso de revisión das clasificacións que establece dita entidade de referencia nos sistemas sanitarios e os ordenamentos xurídicos correspondentes”.
A voceira socialista de Igualdade, Carmen Montón, considera que, “grazas aos avances logrados na nosa lexislación a favor da igualdade legal das persoas homosexuais e transexuais, España converteuse en referente internacional da loita pola igualdade e a non discriminación deste colectivo e, como tal, ten a obriga moral de liderar esta batalla tamén no plano internacional”.
Neste senso, a iniciativa –cuxa presentación coincide coa conmemoración o 17 de maio do Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia- responde ao obxecto de “levantar os obstáculos e establecer as condicións que eliminen a discriminación que sofren as persoas transexuais, promovendo deste xeito a construción dunha sociedade máis xusta e equitativa”, segundo explica o deputado Daniel Méndez, asinante da mesma.
En España, segundo datos da Fundación para la Identidad del Género, existen na actualidade 30.000 persoas transexuais, que representan “un dos sectores da poboación máis castigados e ao que se lle teñen conculcado un meirande número de dereitos”, unha discriminación que “ten a súa máxima expresión na pervivencia da clasificación da transexualidade como enfermidade mental nos catálogos da OMS e da APA”.

No hay comentarios: