O 17 de maio de 1990, hai agora 20 anos,a Organización Mundial da Saúde (OMS) eliminou a homosexualidade da lista de enfermidades mentais; xa en 1973 a Asociación Americana de Psiquiatría (APA) retirárao do seu manual de diagnóstico, pechando así a porta ao fundamento pseudocientífico que utilizaban algúns para xustificar actos de homofobia, transfobia ou bifobia. Estes feitos, baseados na evidencia científica, pretenderon acabar con case un século de prexuízo médico e discriminación sistemática contra lesbianas, gais e bisexuais. En conmemoración deste acontecemento, a Organización Internacional de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (ILGA) acordou conmemorar esta data como día internacional contra a homofobia e a transfobia en todo el mundo.
A homofobia e a transfobia seguen a ser unhas das formas de odio máis estendidas, e encontran reflexo, aínda na actualidade, na lexislación de numerosos países do mundo. Segundo o último Informe sobre Homofobia de Estado de ILGA, 80 países condenan as relacións homosexuais, algúns deles con pena de morte (Irán, Mauritania, Arabia Saudita, Sudán, Iemen e zonas de Nixeria e Somalia). Diversos informes internacionais inclúen estatísticas preocupantes sobre asasinatos de activistas e persoas LGTB no mundo. As persoas transexuais son un dos colectivos máis excluídos socialmente, como poñen de manifesto os informes elaborados pola Comisión Europea, sendo obxecto dunha importante discriminación no ámbito laboral e educativo. Aínda hoxe se mantén a transexualidade no catálogo de enfermidades mentais da OMS, o que xerou un importante movemento de activistas e profesionais da saúde solicitando a súa eliminación como patoloxía. Neste sentido o pasado 5 de maio o Grupo Parlamentario Socialista presentou no Congreso dos Deputados unha Proposición Non de Lei para que a transexualidade deixe de estar catalogada como unha enfermidade mental, e instando ao Goberno de España a que impulse as xestións necesarias para a súa eliminación, aproveitando o proceso actual de revisión das clasificacións de enfermidades que establece a OMS, e que son unha referencia nos sistemas sanitarios e os ordenamentos xurídicos de todo o mundo.
O Consello de Ministros do 27 de xuño de 2009, acordou a proposta dos Ministerios de Igualdade e de Asuntos Exteriores e de Cooperación, promover o recoñecemento internacional do 17 de maio como Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia, sumando así ao noso país ao grupo de Estados que impulsan o recoñecemento internacional por parte de Nacións Unidas do 17 de maio como símbolo da loita pola igualdade. A aprobación deste Acordo supuxo unha manifestación máis da loita pola igualdade efectiva nestes últimos anos, nos que o Goberno socialista deu importantes pasos para conseguir eliminar a homofobia, a transfobia e a bifobia, así como calquera forma de discriminación latente na nosa sociedade.
Estas iniciativas na loita contra a discriminación veranse impulsadas pola próxima Lei de Igualdade de Trato e contra a Discriminación, que incluirá entre outros ámbitos de acción, a loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero, e que colocará ao noso país na vangarda dos países que promoven políticas antidiscriminatorias integrais e efectivas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario