domingo, 9 de mayo de 2010

A Cámara de Deputados de Arxentina aproba o matrimonio homosexuai.


A Cámara de Deputados de Arxentina converteuse onte no primeiro corpo lexislativo de América Latina en aprobar un proxecto de lei que permita o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Porén, aínda resta unha difícil votación no Senado deste país para que gais ou lesbianas poidan casar entre si sen inconvenientes. Deica agora, cinco parellas xa puideron contraer matrimonio, pero mediante autorizacións xudiciais que poden ser apeladas.

A idea do matrimonio homosexual en Arxentina comezou a debaterse de xeito tímido despois de que España a aprobase en 2005. En 2009, mentres na Cidade de México tamén se autorizaba, unha deputada progresista aliada do Goberno da peronista Cristina Fernández de Kirchner e outra do Partido Socialista presentaron un proxecto de lei en Arxentina. A iniciativa cobrou forza cando o ex presidente arxentino Néstor Kirchner (2003-2007) asumiu acta de deputado o pasado 10 de decembro e comprometeuse a apoiala. Trátase dun dos poucos proxectos que teñen logrado certo consenso para mobilizar un Congreso case paralizado polas súas diferenzas. Días despois, o 28 de decembro unha parella gai logrou a autorización xudicial para casar en Ushuaia, a cidade máis austral do mundo. En 2010 outras catro parellas, incluída unha de lesbianas, conseguiron casar en Bos Aires. Pero todos eses enlaces están suxeitos a unha polémica que pode chegar ata a Corte Suprema. Unha eventual lei sancionada polo Congreso acabaría coas disputas en tribunais.
Despois de 12 horas dun tenso debate onde se mesturou a relixión, a antropoloxía e mais a psicoloxía, e que acabou onte ás 2.25 hora arxentina, a Cámara de Deputados aprobou o matrimonio gai por 126 votos a favor contra 110 en contra e catro abstencións. Nas tribunas do recinto festexábano os colectivos de gais, lesbianas, bisexuais e transexuais, con bandeiras do arco da vella na man, mentres se laiaban algúns católicos que rezaban o rosario. Pero se ben o responsable lexislativo da Conferencia Episcopal Arxentina, Antonio Marino, cualificou onte a aprobación de "moi grave", non houbo neste país manifestacións na rúa dos católicos en contra do proxecto, como si aconteceu en España.
Cada grupo parlamentario deu liberdade de conciencia aos seus deputados á hora de votaren esta lei. Sucede que os dous partidos tradicionais da Arxentina, o peronismo e o radicalismo, suman votos de esquerda, centro e dereita. Dos 126 votos positivos, os principais apoios proviñeron de 46 deputados do peronismo kirchnerista (a metade dun grupo que suma 87 escanos), 28 de todas as forzas de centroesquerda, só 17 do radicalismo (sobre un total de 43) e 16 da centrista Coalición Cívica (sobre 19). A maioría dos peronistas disidentes e conservadores opúxose.
A votación no Senado será máis difícil porque o centroesquerda apenas suma tres senadores e a Coalición Cívica, só un, fronte aos 37 que necesita unha lei para sancionarse. Os principais grupos da cámara alta son o kirchnerista (31 escanos), o radical (14) e o peronista disidente (sete).

No hay comentarios: