martes, 11 de enero de 2011

IGUALDADE DE TRATO



Nas últimas décadas, o recoñecemento da diversidade converteuse nun concepto capital da teoría política. Se houbo un momento en que as políticas centradas na xustiza social xiraban só en torno á redistribución da riqueza, o que supuxo un avance histórico sen precedentes, hoxe o recoñecemento da igualdade e a non discriminación é un piar fundamental do Estado social e democrático de dereito. A razón é clara: a nosa sociedade é un todo diverso –de aí a súa riqueza– e o modelo social e económico debe contemplar a cohesión e a paz social como obxectivo fundamental. De non ser así, acabaremos definitivamente atrapados nun escenario disfuncional no que, co aplauso dos de sempre, os conflitos serán continuos e o desprestixio da política tamén, o que derivará nun aumento do populismo e da inxustiza social.

A acción política debe entender e explicar, pois, que a xustiza social é bidimensional. Por unha parte, ten que atender ás reivindicacións de benestar social, material e de atención pública da cidadanía e, ao mesmo tempo, facelo tamén coas reclamacións de recoñecemento efectivo da igualdade e amparo da diferenza de cada quen. En realidade, é algo tan evidente como atender o interese xeral e asegurarnos de que ningunha persoa, por razón da súa propia diferenza lexítima, encontre interferencias no seu desexo de realización persoal e participación en condicións de igualdade. De non ser así, de non conseguir que a diversidade sexa considerada como un valor cidadán, a consecuencia será o incremento da segregación e o ascenso da desigualdade de trato, consideración e oportunidades.

Pois ben, para a boa xestión do interese xeral e da diversidade, o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero traballa nun anteproxecto de Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación. Unha iniciativa que, unha vez se converta en proxecto coa debida participación social, pretende ampliar a lexislación actual –cuxo baseamento é o artigo 14 da Constitución–, e incorporar os ámbitos de protección recollidos no artigo 21 da Carta Europea de Dereitos Fundamentais. Con esta aposta lexislativa non só se reforzará un dos ámbitos máis susceptibles á discriminación como é o laboral, onde se avanzou nos últimos anos, senón que se estenderá a outros espazos onde as discriminacións se presentan con formas máis sutís, como é o acceso á sanidade, a educación, o transporte, a vivenda…

Outro ámbito importante na protección contra a discriminación é que as vítimas poidan ter á súa disposición todos os medios posibles para poderen canalizar súas demandas. A experiencia demostrou que as persoas que se senten vítimas dunha discriminación rara vez presentan unha denuncia, ben porque o proceso se alonga, é caro ou porque descoñecen ónde acudir e que trámites realizar.

Diversos países europeos contan con organismos independentes que non só ofrecen asistencia práctica ás vítimas, senón que tamén emiten informes, coa correspondente recollida e estudo de datos, que contribúen a que se visualice e se coñeza o alcance eos efectos das discriminacións, axudando a sensibilizar á sociedade ante este fenómenocrecente. Un bo exemplo de todo o anterior é a Alta Autoridade francesa, un organismo que ten a capacidade de realizar unha completa investigación tras a denuncia da vítima,ten potestade para sancionar e, se finalmente ve delito, remite a denuncia á fiscalía.

Cómpre, pois, que a futura lexislación contemple a creación dun organismo autónomo e independente similar aos que existen noutros países do noso contorno. Discriminar non debe saír gratis, polo que sería importante tamén reforzar o papel da fiscalía na persecución dos actos discriminatorios que constitúan delito mediante unha fiscalía especializada, que contribúa a establecer unha meirande coordinación e eficacia fronte á discriminación, posibilite unha estatística anual neste tipo de delitos e coadxuve a incrementar o reproche social fronte aos mesmos.

Así, a futura lexislación pode converterse non só nun importante instrumento xurídico que revise e amplíe a política contra as discriminacións, senón que tamén pode ser unha eficaz ferramenta institucional e social para avanzar na igualdade real e efectiva.

A situación en España non é alarmante, pero existen datos que nos deben facer actuar e así o reclaman desde hai anos distintas organizacións sociais. O último Eurobarómetro recolle que o 15% dos españois sufriu unha discriminación no último ano e un 31% foi testemuña dela. En España, o barómetro do CIS de decembro de 2008 sinalaba que para a metade dos enquisados faise pouco ou ningún esforzo para loitar contra toda forma de discriminación.

En definitiva, a igualdade de trato é un elemento que cómpre incorporar plenamente como valor social e democrático porque nos afecta a todas e a todos, xa que todos somos susceptibles de sufrir algún tipo de discriminación directa ou indirecta nalgún momento da nosa vida. Así pois, a futura Lei non é unha iniciativa para uns poucos ou para minorías, senón para a gran maioría da cidadanía. Unha lexislación que, ademais de mellorar a convivencia e a integración, estou seguro que será quen de reforzar a cohesión social, converténdose así nun poderoso instrumento de xestión da diversidade e, por ende, de xustiza social.

No hay comentarios: