jueves, 23 de diciembre de 2010

O GRUPO 7 CORES DO PSdeG CONSIDERA “DENIGRANTE” PARA OS COLECTIVOS LGTB A FELICITACIÓN DE COLEGA A RAJOY












O GRUPO 7 CORES DO PSdeG CONSIDERA “DENIGRANTE” PARA OS COLECTIVOS LGTB A FELICITACIÓN DE COLEGA A RAJOY

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 10. O coordinador do grupo LGTB do PSdeG, Fito Ferreiro apuntou que “é indignante e denigrante para os colectivos LGTB a felicitación de Colega a Rajoy ,cando é precisamente o PP o que se manifesta en contra de calquera norma que nos iguale en dereitos ao restos dos cidadáns”.

Ferreiro fixo estas declaración logo de coñecer como nun comunicado de prensa o grupo COLEGA congratulábase do cambio de postura de Mariano Rajoy entorno á Lei de Matrimonio Homosexual”.

“Un cambio de postura, que o noso parecer non existe, primeiro deroga dita Lei, e agora nas súas declaracións afirma que podemos falar sobre ele, pero dicir iso é o mesmo que non dicir nada “, aseverou coordinador.

Neste senso lembrou que “aos feitos me remito, xa que a día de hoxe no Tribunal Constitucional hai interposto un recurso de inconstitucionalidade por esa mesma persoa, á cal estes señores felicitan “.

Ferreiro sinalou que “o colectivo Colega sabe de sobra que en realidade os que din apoialos non cren que as persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais deste país deban ter os mesmos dereitos que calquera outro cidadán”.

Neste senso lamentou que “este colectivo véndese ante Ana Pastor ou ante o propio Rajoy cando solicitan certas reunións, e agora que ven o Nadal aproveitan para felicitalo, e de paso garantirse o aguinaldo que moitas veces vén en forma de subvención”.

miércoles, 22 de diciembre de 2010

¿Felicitación de Nadal?



Espertámonos hoxe, con outra nota de prensa do colectivo COLEGA. En dita nota congratúlanse do cambio de postura do Sr. Mariano Rajoy nas súas declaracións entorno á lei de matrimonio homosexual. En resumo, que ós nosos “amigos” de COLEGA éncheos de orgullo e satisfacción; á viva imaxe da SAR; o feito de que o líder do primeiro partido da oposición faga un cambio nas súas declaracións dende “derrogarei” ata “falarei”…. Gran cambio, si señor.
Logo a realidade é outra, a realidade é que no Tribunal Constitucional hai interposto un recurso de inconstitucionalidade por esa mesma persoa á que os señores de COLEGA felicitan. Iso non cambiou, eles seguen sen crer que as persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais deste país deban ter os mesmos dereitos que calquera outro concidadán. Iso si que segue inamovible, pero claro está, iso non figura para nada na nota de prensa de dito colectivo. É por tanto que todo isto lévame a pensar que eles simplemente querían felicitarlle as festas ó Sr. Rajoy e buscaron unha escusa barata para facelo. Imaxino que de todas formas, que nesas reunións que solicitan coa Sra. Ana Pastor e co propio Rajoy, tentarán garantirse tamén o aguinaldo que moitas veces ven en forma de subvención, inda que logo como consecuencia dese novo reparto os reis magos esquézanse de colectivos tan importantes e tan sinalados na nosa cidade como o colectivo antisida CASCO.
En fin, que felices festas a todos dende o grupo de participación LGTB do partido socialista de Galicia. Esperamos que o 2011 nos depare a todos o cambio REAL de actitude do Sr. Rajoy, no que retire un recurso que demostra o seu máis rancio talante e un claro odio ó diferente.

Feliz 2011 a todas e todos.

lunes, 6 de diciembre de 2010

Nova Deli celebra a despenalización da homosexualidade


A capital de India vive o primeiro desfile do orgullo gai desde que se anulou unha lei colonial que castigaba as relacións homosexuais ata con 10 anos de cárcere.
Esta é a primeira vez que non somos criminais por manifestarmos a nosa homosexualidade abertamente. "Por fin podemos celebrar a diversidade sexual", dicía hoxe nas rúas de Nova Deli o cineasta Ranjeev Monga. A de hoxe é a terceira marcha do orgullo gai, en tres anos consecutivos. Pero é a primeira despois de que o Tribunal Supremo de Nova Deli revocase en xullo de 2009 a lei 337 do Código Penal, que se remontaba a 150 anos atrás e que cualificaba as relacións sexuais homosexuais como unha "ofensa antinatural", castigándoas ata con 10 anos de prisión. Aínda que foi aplicada en moi poucos casos, a comunidade gai asegura que era unha arma da policía para acosalos constantemente.

A capital india celebra por terceiro ano a marcha do orgullo gai, que este ano celebrou a recente despenalización das relacións homosexuais no país.
As cousas están a cambiar moi rapidamente en India, explica Monga. "Eu medrei traumatizado porque ninguén me aceptaba, pero nos últimos tres anos vese moita máis apertura na sociedade. Agora estamos aquí bailando en público", di. Aínda que non foi un camiño doado: a súa familia presionábao para que tivese un matrimonio heterosexual e tivese fillos "e despois fixese o que quixese ás agochadas". Pero o cineasta asegura que non quixo levar unha dobre vida, como a que moitos homosexuais se ven obrigados a levar na India.


O desfile de hoxe foi moito máis festivo e máis concorrido cós anteriores. Miles de persoas marchaban entre bandeiras e globos multicolores. A presenza policial foi moito menor e máis relaxada (o primeiro ano había case tantos policías como manifestantes). "Agora xa non
nos poden facer nada, non si?, xa somos libres de ser gais. Atrevédevos vós tamén a saír do armario!" berráballe un transexual a un grupo de policías que non podían conter a risa.

Tamén se viron máis familias apoiando aos gais. "Estou orgullosa de dicir que o meu neto é gai", dicía a pancarta que traía a riseira avoa de Sambhav Kumar.
"Este é un festexo, sen dúbida, pero tamén segue sendo unha reivindicación: a discriminación e a violencia contra os homosexuais continúa", asegura Arushi Singh, que traballa nunha ONG. E son as lesbianas quen teñen aínda maior presión, engaden os activistas. "É aínda máis duro para as mulleres, a xente non se imaxina que dúas de nós, que somos consideradas inferiores, poidamos levar unha vida xuntas", asegura Dipa Zaveli, que veu de Bombai para acudir á marcha.

jueves, 2 de diciembre de 2010

O PSdeG denuncia a reducción de subvencións a comités antisida e vivendas tuteladas

No Día Mundial da Sida, Sestayo e Seara demandan maior compromiso da Xunta e critican que a reducción de axudas pode abocar ao peche de moitas vivendas tuteladas para persoas que sofren VIH



Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2010.- O PSdeG esixiu hoxe ao Goberno galego “máis compromiso” na loita contra a sida, mediante políticas encamiñadas á súa prevención, a evitar a estigmatización dos afectados, e a apoiar ás organizacións sociais que traballan coas persoas que viven co VIH.


Con motivo do Día Mundial do Sida, que se celebra o 1 de decembro, os socialistas galegos lembran que “non podemos baixar a garda” e que a prevención “é o único xeito de evitar a transmisión do VIH”.


A responsable de Movementos Sociais do PSdeG, Laura Seara, apuntou que “cada ano se producen en España máis de 3.000 novas infeccións, na súa maior parte por transmisión sexual”, polo que subliñou “a necesidade do uso do preservativo para previr o VIH, por ser o método máis eficaz para evitar a infección nas relacións sexuais”.


Lembrou que moitos dos afectados descoñecen que teñen o VIH “o que lles impide beneficiarse dos tratamentos, e incrementa o risco de transmisión do virus”. Por elo, avogou por concienciar á sociedade “de que as probas de detección precoz se convertan nun hábito de saúde cotiá”.


Seara tamén afondou na necesidade de eliminar o estigma e discriminación que “aínda con demasiada frecuencia sofren as persoas con VIH” e defendeu as políticas emprendidas polo Goberno de España para conseguilo. “Non é certo que o VIH só afecte aos colectivos máis vulnerables ou marxinais, senón que afecta a toda a sociedade”, puntualizou.


Por elo, reclamou ao Goberno de Feijóo “un compromiso claro” coas políticas de prevención e para evitar a discriminación dos afectados, e esixiu tamén o apoio ás organizacións sociais que están a traballar para axudar a persoas que viven co VIH.


Apoio a Organizacións Sociais

Nesta liña, a responsable de Benestar do PSdeG, Beatriz Sestayo, denunciou que o Goberno de Feijóo reduciu as subvencións aos comités antisida nun 45% e diminuíu os orzamentos destinados a vivendas tuteladas para persoas afectadas polo VIH nun 28%.


Sestayo lamentou que “unha vez máis Feijóo e o seu Goberno demostren a súa política de austeridade restándolle axudas aos que máis o necesitan” e expresou o apoio do PSdeG aos comités antisida nas súas reivindicacións.


A socialista salientou o traballo que estes comités están a desenvolver na loita contra a sida e na axuda aos afectados, e advertiu ao Goberno galego que a reducción dos orzamentos para vivendas tuteladas “pode abocar ao seu peche, e ao conseguinte abandono das persoas afectadas polo VIH”.


Por elo, esixiu ás conselleiras de Sanidade e Benestar “que rectifiquen as súas políticas” xa que “a reducción de orzamentos non pode supoñer deixar de lado aos que máis o necesitan e recortar prestacións sociais”.

miércoles, 1 de diciembre de 2010

MANIFESTO DO PSdeG-PSOE NO DÍA MUNDIAL DA SIDA


O PSdeG-PSOE, no Día Mundial da SIDA quere reiterar o seu firme compromiso e vontade de traballo para incrementar as políticas públicas de prevención, así como insistir na loita contra o estigma e a discriminación que sofren as persoas que viven co VIH e na importancia do diagnóstico precoz.

Se ben é certo que, segundo os últimos datos a nivel mundial achegados polo Programa das Nacións Unidas sobre VIH/SIDA (ONUSIDA), en 2009 houbo un 20% menos de infeccións ca en 1999, os 2,8 millóns de novas infeccións nun só ano segue a ser unha cifra moi elevada. Cómpre pois, como se insiste desde todos os organismos internacionais, seguir investindo en programas de prevención para lograr o acceso universal a estas medidas.

No nosos pais tampouco podemos baixar a garda porque cada ano se producen máis de 3.000 novas infeccións, polo que a dimensión da pandemia fai imprescindible chamar a atención de que non é só un problema que se produce noutros países, senón que tamén cómpre darlle resposta no noso. Calcúlase que entre unhas 120.000 e 150.000 persoas viven en España co VIH, aínda que unha cuarta parte delas aínda o descoñece. Iso implica que, por una banda, non poidan beneficiarse dos tratamentos e, por outra, increméntase o risco de transmisión do virus. Os expertos insisten ademais en sinalar que un diagnóstico precoz reduce o risco de desenvolver SIDA. De aí que sexa moi importante e necesario romper co estigma e o medo para que as probas de detección se convertan nun hábito de saúde cotián. De igual xeito, é fundamental que se garanta a adecuada asistencia sanitaria especializada de todas as persoas seropositivas.

Estanse a dar pasos importantes na loita contra a discriminación e o estigma, como é a aprobación por parte do Goberno do uso tutelado do tratamento cirúrxico para a lipoatrofia facial asociada ao VIH/SIDA. Con esta medida poderanse beneficiar máis de 6.000 persoas que viven co VIH, co que se mellorará a súa calidade de vida e se reducirán os niveis de estigmatización e autoexclusión que esta síndrome provoca en moitas delas.

Dar unha resposta axeitada á pandemia require de medidas políticas, sanitarias e sociais e, neste sentido, desde o Partido Socialista de Galicia queremos subliñar que os dereitos humanos tamén forman parte desa resposta á pandemia. E os dereitos humanos non están garantidos cando en 79 países aínda existen leis que impiden unha adecuada prevención, tratamento, atención e apoio do VIH para as poboacións máis vulnerables. Noutros 11 estados aínda se prohibe a entrada e residencia das persoas co VIH, o que supón unha violación dos seus dereitos fundamentais.

O Partido Socialista de Galicia continuará cos esforzos que desenvolve para apoiar ás organizacións sociais, para que poidan desenvolver as súas accións, proxectos e iniciativas tanto no noso país como no eido internacional.

As mulleres e homes socialistas, no Día Mundial da SIDA, lembramos os falecidos a causa da SIDA; reiteramos o noso compromiso coas persoas co VIH e alentamos e apoiamos a quen, desde as organizacións sociais ou desde as súas tarefas profesionais, traballan e dedican o seu tempo a dar unha resposta que reduza ou elimine o impacto desta pandemia e a garantir unha meirande calidade, apoio e atención ás persoas seropositivas.

1 de decembro de 2010.