jueves, 2 de diciembre de 2010

O PSdeG denuncia a reducción de subvencións a comités antisida e vivendas tuteladas

No Día Mundial da Sida, Sestayo e Seara demandan maior compromiso da Xunta e critican que a reducción de axudas pode abocar ao peche de moitas vivendas tuteladas para persoas que sofren VIH



Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2010.- O PSdeG esixiu hoxe ao Goberno galego “máis compromiso” na loita contra a sida, mediante políticas encamiñadas á súa prevención, a evitar a estigmatización dos afectados, e a apoiar ás organizacións sociais que traballan coas persoas que viven co VIH.


Con motivo do Día Mundial do Sida, que se celebra o 1 de decembro, os socialistas galegos lembran que “non podemos baixar a garda” e que a prevención “é o único xeito de evitar a transmisión do VIH”.


A responsable de Movementos Sociais do PSdeG, Laura Seara, apuntou que “cada ano se producen en España máis de 3.000 novas infeccións, na súa maior parte por transmisión sexual”, polo que subliñou “a necesidade do uso do preservativo para previr o VIH, por ser o método máis eficaz para evitar a infección nas relacións sexuais”.


Lembrou que moitos dos afectados descoñecen que teñen o VIH “o que lles impide beneficiarse dos tratamentos, e incrementa o risco de transmisión do virus”. Por elo, avogou por concienciar á sociedade “de que as probas de detección precoz se convertan nun hábito de saúde cotiá”.


Seara tamén afondou na necesidade de eliminar o estigma e discriminación que “aínda con demasiada frecuencia sofren as persoas con VIH” e defendeu as políticas emprendidas polo Goberno de España para conseguilo. “Non é certo que o VIH só afecte aos colectivos máis vulnerables ou marxinais, senón que afecta a toda a sociedade”, puntualizou.


Por elo, reclamou ao Goberno de Feijóo “un compromiso claro” coas políticas de prevención e para evitar a discriminación dos afectados, e esixiu tamén o apoio ás organizacións sociais que están a traballar para axudar a persoas que viven co VIH.


Apoio a Organizacións Sociais

Nesta liña, a responsable de Benestar do PSdeG, Beatriz Sestayo, denunciou que o Goberno de Feijóo reduciu as subvencións aos comités antisida nun 45% e diminuíu os orzamentos destinados a vivendas tuteladas para persoas afectadas polo VIH nun 28%.


Sestayo lamentou que “unha vez máis Feijóo e o seu Goberno demostren a súa política de austeridade restándolle axudas aos que máis o necesitan” e expresou o apoio do PSdeG aos comités antisida nas súas reivindicacións.


A socialista salientou o traballo que estes comités están a desenvolver na loita contra a sida e na axuda aos afectados, e advertiu ao Goberno galego que a reducción dos orzamentos para vivendas tuteladas “pode abocar ao seu peche, e ao conseguinte abandono das persoas afectadas polo VIH”.


Por elo, esixiu ás conselleiras de Sanidade e Benestar “que rectifiquen as súas políticas” xa que “a reducción de orzamentos non pode supoñer deixar de lado aos que máis o necesitan e recortar prestacións sociais”.

No hay comentarios: