miércoles, 1 de diciembre de 2010

MANIFESTO DO PSdeG-PSOE NO DÍA MUNDIAL DA SIDA


O PSdeG-PSOE, no Día Mundial da SIDA quere reiterar o seu firme compromiso e vontade de traballo para incrementar as políticas públicas de prevención, así como insistir na loita contra o estigma e a discriminación que sofren as persoas que viven co VIH e na importancia do diagnóstico precoz.

Se ben é certo que, segundo os últimos datos a nivel mundial achegados polo Programa das Nacións Unidas sobre VIH/SIDA (ONUSIDA), en 2009 houbo un 20% menos de infeccións ca en 1999, os 2,8 millóns de novas infeccións nun só ano segue a ser unha cifra moi elevada. Cómpre pois, como se insiste desde todos os organismos internacionais, seguir investindo en programas de prevención para lograr o acceso universal a estas medidas.

No nosos pais tampouco podemos baixar a garda porque cada ano se producen máis de 3.000 novas infeccións, polo que a dimensión da pandemia fai imprescindible chamar a atención de que non é só un problema que se produce noutros países, senón que tamén cómpre darlle resposta no noso. Calcúlase que entre unhas 120.000 e 150.000 persoas viven en España co VIH, aínda que unha cuarta parte delas aínda o descoñece. Iso implica que, por una banda, non poidan beneficiarse dos tratamentos e, por outra, increméntase o risco de transmisión do virus. Os expertos insisten ademais en sinalar que un diagnóstico precoz reduce o risco de desenvolver SIDA. De aí que sexa moi importante e necesario romper co estigma e o medo para que as probas de detección se convertan nun hábito de saúde cotián. De igual xeito, é fundamental que se garanta a adecuada asistencia sanitaria especializada de todas as persoas seropositivas.

Estanse a dar pasos importantes na loita contra a discriminación e o estigma, como é a aprobación por parte do Goberno do uso tutelado do tratamento cirúrxico para a lipoatrofia facial asociada ao VIH/SIDA. Con esta medida poderanse beneficiar máis de 6.000 persoas que viven co VIH, co que se mellorará a súa calidade de vida e se reducirán os niveis de estigmatización e autoexclusión que esta síndrome provoca en moitas delas.

Dar unha resposta axeitada á pandemia require de medidas políticas, sanitarias e sociais e, neste sentido, desde o Partido Socialista de Galicia queremos subliñar que os dereitos humanos tamén forman parte desa resposta á pandemia. E os dereitos humanos non están garantidos cando en 79 países aínda existen leis que impiden unha adecuada prevención, tratamento, atención e apoio do VIH para as poboacións máis vulnerables. Noutros 11 estados aínda se prohibe a entrada e residencia das persoas co VIH, o que supón unha violación dos seus dereitos fundamentais.

O Partido Socialista de Galicia continuará cos esforzos que desenvolve para apoiar ás organizacións sociais, para que poidan desenvolver as súas accións, proxectos e iniciativas tanto no noso país como no eido internacional.

As mulleres e homes socialistas, no Día Mundial da SIDA, lembramos os falecidos a causa da SIDA; reiteramos o noso compromiso coas persoas co VIH e alentamos e apoiamos a quen, desde as organizacións sociais ou desde as súas tarefas profesionais, traballan e dedican o seu tempo a dar unha resposta que reduza ou elimine o impacto desta pandemia e a garantir unha meirande calidade, apoio e atención ás persoas seropositivas.

1 de decembro de 2010.

No hay comentarios: