martes, 16 de junio de 2009

PUNTAS DE LANZA



..así me vía expresándome o outro día sobre os conceptos de intersexualidade e hermafroditismo a un par de amigos: “Puntas de lanza das loitas dos movementos alternativos”, dicía. E así ficou na miña cabeza, flotando en forma de reflexión sobre que é tendencia e como funcionan dentro dos movementos sociais e morais tradicionalmente asumidos como adianto dunha mellora social e intelectual que parece non chegar nunca.
A pregunta que xurdiu na miña cabeza tras un paseo coa miña cadela foi sobre o desfase real que existe entre os movementos e colectivos alternativos e o resto da sociedade. Ata que punto podemos ser punta de lanza de ningún cambio cando actuamos máis cerca do abstracto que do concreto?. Ata que punto a exclusividade do alternativo non (pre)supón o mesmo elitismo das políticas liberais tradicionais que polarizan o seu discurso en “políticos/poboación”?. Que sentido ten falar da intelixibilidade dos nosos corpos, das biopolíticas e micropolíticas de resistencia cando o discurso se encerra na hermética da tradición filosófica burguesa europea?.
E todo ao fío de intentar explicar o que e o porqué da necesidade de incluír a letra I no nome do colectivo (LGTB-I) como forma de institucionalizar as reivindicacións da poboación intersexual, un colectivo que sofre unha marxinación e un abuso que só pode enmarcarse nas fronteiras dunha sociedade post-moderna. O drama intersexual termina sendo un drama á post-moderna, de terrores biopolíticos onde se unen o terror ás “diferentes formas de vida” (bío) e as regulacións que obrigan a un corpo a pertencer, independentemente de a que, a unha categoría que regule a súa propia validez (política)... As diferentes res romanas, a política, a pública, as etimoloxías infames da tradición do poder impoñen categorías que asignen validez e pertenza.
Como home ou muller pertencen ao xénero “persoa” e por extensión ao xénero “ser humano” (que domina sobre o indómito da natureza). Se nalgún momento esa categoría se dilúe e o que sae de entre as pernas dunha nai é algo que non é nin el nin ela, ha de ser corrixido para pertencer a, para non ser unha anormalidade da natureza que ha de ser dominada. A biopolítica médica obriga a definir a cada ser humano dentro dun sexo sen importar se aos 15 anos o seu corpo é unha quimera hormonal causada por unha decisión artificial, a de asignar un sexo determinado a un ser que pode desenvolverse de xeito diferente sen que sexa un risco para a súa saúde.
É daquela cando cobra sentido converter o teu corpo nunha zona de resistencia contra as imposicións dun sistema que non só discrimina aos/ás diferentes, senón a quen non queira entrar nesa categoría... E é daquela cando se fai necesario que a loita de intersexuad@s e hermafroditas se converta en punta de lanza de cada movemento que loite pola liberdade individual e colectiva.
E é daquela cando os colectivos alternativos, as asociacións, toman un novo significado de importancia como puntas de lanza dunha loita que doutro xeito tería que dilatarse outros 100 anos ata que os movementos institucionalizados o consideren demasiado sangrante, o cal adoita coincidir co momento en que xa hai demasiado sangue derramado en quirófanos, rúas ou cuartos onde retumban sons de disparos e cranios.
Puntas de lanza... poida que sexa necesario ter puntas de lanza para saber cara onde nos toca enfocar os nosos esforzos, aínda que despois toque poñelos en terra para poder explicar a sua existencia e a sua necesidade concreta e inmediata.
Nelson G. Rodríguez Avilez

No hay comentarios: