Dixo vostede que os abusos sexuais a menores sometidos a tutela dos colexios católicos de Irlanda non son comparables ao aborto. Nunca pensei que diría isto, pero ten vostede toda a razón, non é en absoluto comparable. Salvo que debamos entender que o que se desprende da súa afirmación é que o importante é que nazan nenos para despois poder abusar deles non o entendo.
Preguntoulles vostede aos miles de persoas que sufriron abusos por membros da súa organización privada se terían preferido non nacer para tentear, in situ, a gravidade dos feitos sufridos?.
Cando a súa organización quitaba cativos dos colexios irlandeses e os levaba aos seus colexios-internados-reformatorios para así aumentar as subvencións que recibían do Goberno de Irlanda, sentíanse vostedes ben?. Porque, se cadra, queren vendernos que recollían nenos desatendidos…Ás veces si, ás veces non.
Como declaran algúns deses pobres nenos, que agora son homes, eran arrancados das súas familias con calquera escusa (pobreza, falta de atención familiar suficiente, etc.) e levados ás súas institucións. Unha vez alí, a tutela legal era transferida á devandita Institución.
E non só a tutela, nin sequera tiñan que render contas ao Estado Irlandés polos rapaces mortos, xa que como había dentro Igrexa, era terra Santa e por tanto innecesario dar explicacións nin para seren enterrados. Algo propio soamente dun país que ata hai ben pouco permitía que a súa organización dirixise a moral de todos os seus habitantes. Vaia resultado!.
Conta unha destas vítimas -unha sentenza xudicial asumida por vostedes demostrou que o é- como un día lle contou as barbaridades que sufría a un sacerdote novo que chegou ao seu centro. Este preguntoulles ao resto da comunidade relixiosa por esas afirmacións, e as respostas foron dúas:
O novo cura foi trasladado.
Varios membros da organización relixiosa mallaron á vez no cativo, que estivo seis semanas no hospital.
Os abusos eran constantes e en grupo. Todos os desexos dos sacerdotes eran satisfeitos polos desamparados nenos contra a súa vontade.
Cóntolle isto para que, sobre estas palabras, volva dicir que non é comparable ao aborto.
É triste non nacer, de seguro que si, pero o sufrimento na vida mídese por horas, minutos e segundos. Descoñezo o sufrimento que pode ter un feto. Os científicos din que ningún ata determinado momento da xestación. Eu non o sei, pero seguro que menor que anos e anos de abusos case diarios, abusos e humillacións físicas e mentais a rapaces que senten, pensan, sofren, e están a desenvolver a súa mente e a formar as súas vidas, as que os acompañarán durante toda a súa existencia.
Javier Graña
Colectivo LGBT 7CORES
No hay comentarios:
Publicar un comentario