Navarra conta desde o doce de Novembro, cunha lei foral, pioneira no Estado, que velará polos dereitos das persoas transexuais, ao garantir unha atención sanitaria específica que "facilitará a súa reasignación sexual" e o acceso a servizos que supoñen "unha conquista de liberdades e dereitos". Así o sinalou o parlamentario de Nafarroa Bai, Joseba Eceolaza, en nome da coalición impulsora da iniciativa, que na actualidade afectaría a medio cento de persoas na Comunidade foral, e que contou co apoio de todos os grupos da Cámara (NaBai, PSN, CDN e IUN) excepto UPN, que ve nela visos de inconstitucionalidade.
A Lei foral de non discriminación por motivos de identidade de xénero e de recoñecemento dos dereitos das persoas transexuais, é a primeira destas características que se presenta no conxunto de España e busca definir "que é a transexualidade" e, sobre todo, "como se acredita dita condición", tal e como xa ocorre, por exemplo, na lei de parellas de feito. A tal efecto, a Lei fixa o seu cometido en "garantir o dereito das persoas que adoptan socialmente o sexo contrario ao asignado no seu nacemento, a recibir da Administración Foral unha atención integral e adecuada ás súas necesidades médicas, psicolóxicas, xurídicas e doutra índole, en igualdade de condicións co resto da cidadanía".
A norma precisa que os menores de idade teñen "pleno dereito" a recibir o oportuno "diagnóstico e tratamento" médico relativo á súa transexualidade, especialmente a "terapia hormonal". A atención sanitaria que se lles preste farase de acordo co disposto na Lei Foral sobre os dereitos do paciente ás vontades anticipadas, á información e á documentación clínica, e conforme á Lei reguladora da autonomía do paciente e dos dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica. A partir de aí, a Lei pretende dar "calidade de vida" ás persoas transexuais, para o que, ademais de medidas de atención en materia laboral, social ou educativa, recoñecese o "dereito ás prestacións cirúrxicas e sanitarias no sistema público de saúde".
Ademais, preténdese que as institucións públicas proxecten un discurso "respectuoso coas diferentes orientacións sexuais e identidades de xénero" existentes, o que inclúe medidas "adecuadas" de discriminación positiva (dentro dos mecanismos de empregabilidade e inclusión xa existentes), a activación de "programas de educación e capacitación", e o desenvolvemento de "plans de inserción laboral" para casos de "risco de exclusión social".
No hay comentarios:
Publicar un comentario