lunes, 13 de febrero de 2012

Un proxecto de lei que contempla a pena de morte para os homosexuais volve ao Parlamento ugandés




Un proxecto de lei que contempla a pena de morte para os homosexuais que sexan "reincidentes" foi reintroducido no Parlamento de Uganda este martes tras ser proposto en 2009 por un membro do Movemento de Resistencia Nacional (NRM), o que provocou duras críticas internacionais.
Nese momento, o presidente de Estados Unidos, Barack Obama, definiu o proxecto como "odioso" e a secretaria de Estado, Hillary Clinton, pediu ao presidente ugandés, Yoweri Museveni, que o rexeitase. Ademais, varios doantes internacionais ameazaron con cortar o seu financiamento ao país en caso de se converter en lei.
O proxecto foi retirado en maio de 2011 e o Goberno anunciou en agosto que non debatería o texto porque as leis existentes eran suficientes para combater os "crimes homosexuais". Porén, un pequeno movemento homófobo, liderado por varios parlamentarios e un grupo de sacerdotes, amosou a súa vontade de que a proposta entre en vigor.
"O proxecto anti-homosexualidade volveu ser presentado ante o Parlamento e foi enviado ao comité Legal e ao comité de Asuntos Parlamentarios", segundo informou a presidenta do Parlamento, Helen Kawesa. "O comité examinarao e levará a cabo vistas públicas antes de devolvelo para o seu debate formal", engadiu.
A homosexualidade goza de moi mala prensa na meirande parte dos países africanos, onde se considera un mal costume europeo. É ilegal en 37 países do continente e poucos son os africanos que se atreven a confesar esta tendencia sexual por temor ao cárcere ou á perda do seu traballo.
O 26 de xaneiro de 2011, o activista ugandés polos dereitos dos homosexuais David Kato, cuxo nome e fotografía foron publicados en 2010 por un xornal homófobo local, foi golpeado ata a morte no seu domicilio de Campala.

No hay comentarios: