jueves, 1 de octubre de 2009

MANIFESTO POLA VISIBILIDADE LGTB RURAL

As palabras son os ecos da voz que na súa gran maioría esfúmanse co tempo, os encontros como este son actos que perduran na historia e formaran parte da nosa memoria. Por primeira vez celebramos un acto tan significativo e de apoio incondicional á visibilidade rural. Noutros tempos, afortunadamente xa pasados, isto seria un acto escandaloso e ata delictivo. Como todos sabemos, a loita pola igualdade dos nosos dereitos, e con elo me refiro ó colectivo lgtb con respecto ó colectivo heterosexual, non é algo que comezase fai dous días, é unha loita de moitos anos que, por fin, vai dando os seus froitos.

O partido socialista na súa primeira lexislatura marcou un punto de inflexión coa Lei do matrimonio entre homosexuais. Con elo non só outorgaba a unión legal a través do matrimonio entre persoas da mesma condición sexual senón que nos facía partícipes dos dereitos que a Constitución Española xa concedía ós matrimonios heterosexuais, e dos que desafortunadamente nós, unha parte importante na sociedade, viámonos privados de ditos dereitos constitucionais. Afortunadamente, esta lei fainos máis visibles na vida privada e pública neste país.
Por desgraza como sabemos todos inda hoxe un partido político mantén un recurso no tribunal constitucional contra dita lei e algunha organización santa e relixiosa séguenos considerando enfermos e apestados.

Hoxe, amigos e amigas, queremos que sexa un día de celebración por todo o que se acadou, pero non esquezamos que estamos aquí para apoiar á xente que vive en zonas rurais, e que desgraciadamente inda hoxe nos nosos días poden sentirse temerosos, o peso lapidario das criticas homófobas que se verten cara as persoas, pola súa condición sexual.
Queremos que a xente se sinta libre, que se decide compartir co resto da sociedade a súa condición, non teña o temor de que esta a perder dereitos como persoa ou se sinta un bicho raro ou un ser desprezable. Neste papel integrador entramos todos dunha maneira ou outra e sempre apoiando á xente que decide dar o paso. Os medios de comunicación intégrannos creando opinión e facendo ver a través do poder informativo a toda a sociedade que por ter unha condición sexual que a maioría da xente non goza, pero que unha gran parte de dita sociedade si compartimos. Non somos nin bichos raros nin enfermos, nin mellores nin peores que o resto da sociedade. Vós, xente da política, o voso papel é indiscutiblemente fundamental na integración xa que sodes quen ten o poder de lexislar leis a favor da igualdade.

As sociedades avanzan, a través da historia podémolo observar, e neste momento toca vivir en liberdade, pero liberdade que non pode ser total se seguimos xulgando á xente como bos ou malos, validos ou inútiles pola súa condición sexual. Vivamos onde vivamos, grandes cidades ou pequenos núcleos rurais, sexamos libremente visibles, porque desta forma estaremos contribuíndo a formar unha sociedade máis libre, máis autentica e con novos valores humanos.
Amigos que estamos hoxe aquí, sigamos loitando por non perder o acadado ata o momento e por seguir dando pasos firmes cara a integración total na sociedade. Xente do rural, non teñamos medo a mostrarnos tal e como somos, pois non cometemos ningún delito con elo, sexamos libres e non permitamos que as actitudes homófobas duns poucos, nos infundan medo e nos devalan coma persoas.

Non á homofobia e si á liberdade afectivo sexual, si á liberdade coma persoas. Dende aquí fágovos saber que en nós, os socialistas, sempre atoparedes un apoio incondicional. Estamos aí, coma sempre, respaldando e apoiando calquera iniciativa en pro de defender os dereitos e liberdades de todas as persoas.

Desexo enormemente que isto sirva de exemplo para outros partidos políticos que presumen de ser progresistas ante a sociedade e que cando lles toca gobernar só se dedican a recortar prestacións e dereitos sociais. Hoxe é un día de festa e unidade e invítovos a que sexa así, que gozemos todos dos actos que se celebraran durante esta xornada e que nos sintamos máis unidos que nunca por unha causa xusta.
Amigos e amigas do rural e das cidades sexamos visibles e loitemos pola nosa visibilidade persoal.

Grupo LGBT do PSdeG-PSOE

No hay comentarios: