jueves, 16 de septiembre de 2010

CASTRELO DE MIÑO ACOLLERÁ O SÁBADO O II XANTAR POLA VISIBILIDADE HOMOSEXUAL NO RURAL


O acto, aberto a todos os cidadáns, comezará ás 13.30 horas co pregón a cargo da
secretaria de Igualdade, Emigración e Movementos Sociais do PSdeG e Directora do
Instituto da Muller, Laura Seara

Ourense, 16 de setembro de 2010.- A secretaria provincial de Movementos Sociais,
Marta González, e o coordinador do grupo LGTB do PSdeG na provincia de Ourense, José
Manuel Montero, presentaron hoxe en rolda de prensa o II Xantar pola Visibilidade
Homosexual no Rural que se celebrará o próximo sábado 18 de setembro en Castrelo de
Miño, a carón do Club Náutico.

En primeiro lugar González subliñou a necesidade de apoiar a este colectivo como
demostra o acontecido nos pasados días na Coruña, onde unha parella de homosexuais
foi brutalmente agredida.

Segundo explicou Montero, o acto, que ten como obxectivo promover a normalidade e
integración social do colectivo lésbico, transexual, bisexual e homosexual nos
entornos rurais galegos, está aberto a todos os cidadáns, e comezará ás 13.30 horas
co pregón a cargo da secretaria de Igualdade, Emigración e Movementos Sociais do
PSdeG e Directora do Instituto da Muller, Laura Seara. Ademais, a música e a
actuación dunha drag queen amenizarán a romería.

“Esperamos que todos os ourensáns se sumen de forma masiva a este xantar para
promover a normalidade social, real e efectiva do colectivo LGTB”, afirmou.

Montero lembrou que a segunda edición desta xornada de convivencia vén precedida da
boa acollida que tivo o primeiro xantar pola visibilidade LGTB no rural, que se
celebrara en Monterroso o ano pasado.

O coordinador do grupo LGTB do PSdeG na provincia de Ourense afirmou ademais que
este grupo está máis vivo que nunca e que cumpre cos obxectivos marcados na súa
constitución, visitando as agrupacións municipais, reuníndose coa corporación
municipal de Ourense e promovendo o concurso de relatos curtos de temática
homosexual e diversidade de xénero no pasado mes de xuño.

A secretaria provincial de Movementos Sociais sinalou que en Galicia en 2009 de
10.600 matrimonios civís, e menos do 1% corresponden a matrimonios entre persoas do
mesmo sexo.

González insistiu na necesidade de apoiar a este colectivo e favorecer a súa
visibilidade social, e ademais anunciou reunións da súa secretaría con diferentes
asociacións para que estes transmitan as súas necesidades e propostas e intentar
solucionar os problemas dos cidadáns dunha forma máis próxima.

No hay comentarios: