miércoles, 15 de septiembre de 2010

O GRUPO DE HOMOSEXUAIS E TRANSEXUAIS DO PSdeG AMOSA A SÚA INDIGNACIÓN POLA AGRESIÓN HOMÓFOBA DO PASADO SÁBADO NA CORUÑA

Fito Ferreiro anunciou que “este venres, celebrarase unha concentración na Coruña para mostrar a repulsa ante este tipo de actitudes claramente discriminatorias”

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2010.- O Grupo de lesbianas, gays, transexuais e bisexuais do PSdeG (LGTB), expresou hoxe a súa indignación pola agresión homófoba a unha parella de mozos, na Coruña o pasado sábado.

Fito Ferreiro, Coordinador do grupo LGTB, sinalou que “estas agresións non son illadas, por desgracia, son bastante mais frecuentes do que parece, por isto animamos as persoas a que denuncien”. “A única forma de erradicar este tipo de conducta é non deixándoa pasar, hai que ser valente e denunciar”, aseverou.

Fito Ferreiro destacou que “ a vindeira Lei de Igualdade de Trato, que será aprobada polo Goberno de España, supón un paso fundamental para chegar o fondo dunha lacra tan grave como é a discriminación”.

“Unha Lei que primeiro, perseguirá ás agresións e as discriminacións de calquera tipo, e segundo, buscará a prevención de este tipo de conductas homófobas a través da educación”, concluíu.

Ferreiro sinalou que “só o coñecemento da nosa realidade social e a educación son a mellor arma para erradicar da nosa sociedade os comportamentos discriminatorios, por isto é fundamental a asignatura de Educación para a Cidadanía”.

“Por desgracia, o PP parece estar en contra de todo o que significa loitar pola discriminación criticando e cuestionando este tipo de leis, que sen dúbida, supoñen un avance para lograr unha sociedade mais xusta”, criticou.

Fito Ferreiro anunciou que “este venres día 17 de setembro celebraremos unha concentración na Coruña, ás 20:00 no Obelisco, para mostrar a nosa repulsa ante este tipo de actitudes claramente discriminatorias”.



 

No hay comentarios: