martes, 21 de septiembre de 2010

Seara reclama á Xunta a posta en marcha de servizos de mediación para o colectivo LGTB en Galicia


Critica a “dobre moral” do PP ao facer uso dos dereitos que concede a Lei de Matrimonio Homosexual mentres a denuncia no Tribunal Constitucional

Castrelo de Miño, 18 de setembro de 10. A secretaria de Igualdade, Emigración e Movementos Sociais do PSdeG-PSOE e directora do Instituto da Muller, Laura Seara, reclamou hoxe á Xunta “que impulse servizos de mediación para o colectivo de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais” en Galicia. Así o dixo no xantar pola Visibilidade Homosexual no Rural, que se celebrou este año en Castrelo de Miño logo de dúas edicións nas que foi organizado en Monterroso.

A responsable socialista instou á Xunta a seguir o exemplo de concellos como A Coruña ou Lugo e poñer en marcha estes servizos de mediación que sirvan para apoiar e asesorar a un colectivo que a día de hoxe segue a ser obxecto de discriminación social, previndo a repetición de casos de xenofobia.

Seara criticou a “dobre moral” do PP por “facer uso dos dereitos” que conceden as leis aprobadas polos socialistas a mesmo tempo que recorren a Lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo diante do Tribunal Constitucional. Acusou ao PP de empregar o Tribunal Constitucional como “unha terceira cámara lexislativa na que intentan gañar todas as votacións que perden no Parlamento, que é onde reside o poder do pobo e o sentido da nosa democracia”.

Seara fixo un chamado á visibilidade do colectivo LGTB no rural “porque o que non se nomea non existe”, e sinalou que os “pasos decisivos” tomados neste sentido nos últimos anos “sempre viñeron da man dun goberno socialista”. Así, fixo alusión ao recoñecemento do movemento asociativo deste colectivo, ou as Leis do Matrimonio Homosexual e a de Identidade de Xénero, así como a futura Lei de Igualdade de Trato e non discriminación”.

A secretaria de Igualdade dixo que este balance lexislativo é “o exemplo máis claro do compromiso dos socialistas cos dereitos civís, as liberdades públicas e a loita contra a discriminación”. Engadiu que “os socialistas, e tamén os socialistas galegos, estaremos sempre loitando contra a discriminación e as inxustizas”.

Tanto Seara como o coordinador do grupo LGBT do PSdeG-PSOE, Fito Ferreiro, condenaron a agresión homófoba contra unha parella de homosexuais rexistrada esta semana na Coruña, que integrou unha semana “moi dura” logo do falecemento dunha nova vítima de violencia de xénero en Ponteceso ou o reinicio do xuízo do asasinato dunha parella homosexual en Vigo.

Medo ao descoñecido

Fito Ferreiro apostou por loitar contra a homofobia con “educación, visibilidade e normalización” para superar o “medo ao descoñecido, que é o que provoca rexeitamento cara nós”. Chamou a “seguir traballando día a día por manter e ampliar os nosos dereitos” e engadiu que “debemos facer que coñezan as nosas vidas, que deixen de ignorar a nosa realidade”.

Na súa intervención, chamou ás institucións públicas a desenvolver unha campaña de información e sensibilización para dar a coñecer dende os centros de ensino a realidade do colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais. Fixo un chamado especial aos homosexuais residentes no rural, que cualificou de “xente valente e forte que queda a vivir nas vilas e pobos, tan activistas día a día como calquera de nós”.

Hoxe tivo lugar a segunda edición do Xantar pola visibilidade homosexual no rural, celebrado en Castrelo de Miño, logo da boa acollida que tivo o primeiro xantar pola visibilidade LGTB no rural, celebrado o pasado ano en Monterroso. Este acto ten como obxectivo “promover a normalidade e a integración social do colectivo lésbico, transexual, bisexual e homosexual nos entornos rurais galegos”.

No hay comentarios: