miércoles, 22 de septiembre de 2010

A igrexa católica pretende ensinar nos seus colexios de Valencia que a homosexualidade é “unha disfunción”

A igrexa católica, coa aquiescencia do Goberno valenciano (en mans do Partido Popular), parece decidida a dar un paso máis na súa escalada homófoba e ensinar nos colexios de titularidade católica de Valencia, como parte dun programa de “educación sexual”, que a homosexualidade é “unha disfunción”.
Ademais de que a homosexualidade é unha “disfunción”, o programa, promovido polo arcebispado de Valencia, ensinará aos alumnos que a masturbación é un “vicio” ou “defecto” que pode derivar en “adicción” e que “hai que evitar”, así como que a finalidade do sexo é a
“procreación” e que “hai que esperar ao matrimonio” para practicalo. Por suposto, segundo as súas ensinanzas, “ningún método anticonceptivo evita totalmente a posibilidade de embarazo”, polo que cómpre rexeitalos.
Curiosamente “o celibato ou a vocación sexual de permanecer virxe” non supón, segundo o programa, anormalidade ningunha, senón que é “unha opción que permite a felicidade e que pode ser moi enriquecedora”.
O programa, cuxo dereito de uso comprou o arcebispado e que cederá gratis aos centros escolares, chámase Saber Amar Básico Escolar (SABE). Consta de 18 sesións de 90 minutos que os alumnos recibirán entre os 5 e os 14 anos. Trátase dunha iniciativa concibida como alternativa ao Programa de Intervención en Educación Sexual (PIES), un programa voluntario impulsado polas consellerías de Educación e Sanidade da Generalitat Valenciana, e que persegue obxectivos bastante máis razoables, como “recoñecer a diversidade das opcións sexuais” e “capacitar no manexo dos métodos anticonceptivos de barreira máis eficaces”.
Algo que curiosamente non parece estrañar ao conselleiro valenciano de Educación, Alejandro Font de Mora, segundo o cal “sempre que ese material sexa ofertado libremente aos pais e elixido libremente por eles” entra dentro dos esquemas do sistema educativo valenciano. Aínda que non residamos na Comunidade Valenciana aféctannos esta clase de actuacións por parte da igrexa  contra as persoas LGTB. Deamos a máxima difusión a esta denuncia.

COORDINACION
LGTB-PSRM

No hay comentarios: