Admítese por primeira vez en España unha querela laboral por inxurias homófobas
O Xulgado de Instrución número 33 de Barcelona admitiu a trámite a primeira querela presentada en España por unha parella de homosexuais contra a empresa na que traballaban polos presuntos delitos de inxurias homófobas e revelación de segredos.
No auto, a maxistrada Silvia López Mejía considera que poden ser "constitutivos de delito" os feitos da querela presentada polo despacho catalán Aequo Advocats contra da multinacional austríaca de loxística e transportes Gartner KG e dous dos seus directivos.
Segundo a querela, un dos executivos de Gartner KG en Barcelona someteu supostamente a un trato vexatorio ós dous homosexuais e chegou a escribir un correo electrónico á central de Austria na que os cualifica de "enfermos" e insta a despedilos.
Nese correo, que foi atopado na impresora polos traballadores e consta incorporado á querela, o directivo recoñece "tido o pracer de ler os seus correos privados de incrible contido guarro" e afirma que os dous empregados "teñen que desaparecer custe o que custe", de acordo coa tradución feita do alemán no documento aportado ó Xulgado.
Preguntado por Efe, un dos directivos de Gartner KG contra os que se dirixe a querela negou ter un "trato despectivo" cos seus ex traballadores e asegurou que co recurso á vía penal e as actuacións emprendidas por despido ante os Xulgados do Social buscan "obter o máximo rendemento en canto á indemnización".
"Se fora homófobo non aguantaría dez anos en Barcelona", declarou o directivo austríaco, que asegurou ter moitos amigos homosexuais e mostrouse convencido de que tanto el como a súa empresa demostrarán que as "acusacións están fóra de lugar" e que os seus ex empregados "esaxeraron moito" e merecían estar fóra de Gartner KG pola súa actuación non profesional.
A primeira vez en España
En calquera caso, trátase da primeira querela admitida a trámite en España por inxurias homófobas, como testemuña o presidente da Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais (FELGTB), Antonio Poveda, que sinala que esta actuación "destapa unha discriminación que, inda que non se ve, existe".
Poveda, que felicitou á parella por "atreverse a denunciar", lembrou que a maioría de homosexuais que son despedidos pola súa orientación sexual só acoden ós Xulgados do Social para tentar que se declare nulo ou improcedente o despido e só nuns poucos casos recorreuse á xurisdición penal.
"A dificultade radica en probar o comportamento humillante e discriminatorio", sinala o avogado penalista David Aineto, pertencente ó despacho Aequo Advocats, que representa ós dous querelantes.
No seu caso, destaca que as humillacións quedaron plasmadas presuntamente no correo enviado polo directivo a outro executivo da central austríaca, no que ademais lle fai partícipe da violación do segredo das comunicacións privadas dos seus dous traballadores.
"Dicir que un compañeiro de traballo é homosexual non é inxurioso, chamalo enfermo e procurar o seu despido por esta causa sí", sinala a querela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario