Un xulgado de Barcelona decidirá se autoriza a cirurxía de reasignación de sexo a unha rapaza transexual de 16 anos de idade. A rapaza, que naceu con sexo biolóxico masculino, conta co apoio dos seus pais e o aval dos especialistas, e xa fai máis dun ano e medio que comezou o tratamento hormonal. Nun comunicado de prensa, a FELGTB definiu de incomprensible esta situación e pide que se respecte a identidade sexual dos menores.
“Non comprendemos o motivo polo que, ante un caso claro no que tanto a afectada, como os seus médicos e os seus pais consideran preciso acudir á cirurxía de reasignación de sexo, é un xuíz o que decide sobre a operación”, reza o comunicado. “Dende a FELGTB queremos lembrar que a cirurxía de reasignación de sexo para as persoas transexuais non é un capricho (…) Esta contrastado cientificamente que, de non levarse adiante, as persoas transexuais sofren un tremendo estrés, chegando a automedicarse ou a mutilarse se non reciben a atención sanitaria integral que precisan. Asemade, os estudos determinan que canto antes se leve adiante o tratamento sanitario integral, incluíndo a cirurxía de reasignación de sexo, a persoa goza dunha maior saúde física e psíquica e maior integración social posteriores”.
“Por se-la cirurxía de reasignación de sexo unha necesidade sanitaria tan básica non entendemos a súa xudicialización nos menores de idade que contan co apoio dos seus pais e dos seus médicos, engadindo complicacións e demoras que prexudican o libre desenrolo da personalidade”, continúa o comunicado. A FELGTB remítese á Lei 41/2002 reguladora da autonomía do paciente.
A Lei 41/2002, impulsada no seu momento polo entón Goberno do PP, establece que “cando se trate de menores non incapaces nin incapacitados, mais emancipados ou con dezaseis anos cumpridos, non colle prestar o consentimento por representación” (é dicir, é o propio interesado o que presta o consentimento para o procedemento de que se trate). En todo caso, a lei establece que “en caso de actuación de grave risco, segundo o criterio do facultativo, os pais serán informados e a súa opinión será tida en conta para a toma da decisión correspondente”.
Para Mar Cambrollé, coordinadora da Área Trans da FELGTB, “se eu coma persoa adulta podo solicitar unha atención sanitaria integral que inclúe a cirurxía de reasignación de sexo, non entendo por que unha rapaza de 16 anos, que ten o apoio dos seus pais e unha recomendación sanitaria, tenlle que pedir permiso a un xuíz para recibir dita atención. Se dito tratamento é preciso segundo os médicos, os pais e a moza e non pon en risco a vida da persoa que o recibe ¿por qué nestes casos hai que pedir permiso a un xuíz e en infinidade doutras operacións ou tratamentos non? ”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario