A ONG internacional de dereitos humanos Human Right Watch (HRW) publicou este luns un informe que denuncia as torturas e asasinatos que durante estes anos sufriron “centos” de homosexuais en Iraq. A organización atribúe os brutais asasinatos ó denominado Exército do Mahdi, unhas milicias ultrarrelixiosas vinculadas ó clérigo radical chií Moqtada Sadr. O informe recolle declaracións de testemuñas e supervivintes que acusan ademais ás autoridades do país de facer a vista gorda e incluso cooperar coas milicias.
Nun informe titulado “Queren exterminarnos. Asasinato, tortura, orientación sexual e xénero en Iraq” a ONG internacional Human Right Watch (HRW) denunciou este luns que centos de homosexuais iraquís foron torturados e asasinados durante este ano de xeito brutal. O informe atribúe os asasinatos ás milicias chiíes coñecidas como Exército do Mahdi e advirte de que en moitas ocasións son os propios familiares dos gays quen os delatan apelando á “honra” da familia.
Colaboración das forzas de seguridade
As declaracións de testemuñas e supervivintes das torturas que recolle o documento acusan ademais á policía e ás forzas de seguridade iraquís de cooperar coas milicias armadas, arrestando a sospeitosos de ser homosexuais e entregándoos. Noutros casos, a policía simplemente mira cara outro lado e non fai nada para impedir estes abusos, pese a que ningunha lei tipifica como delito a homosexualidade en Iraq.
"Por freo ós abusos"
Por isto, HRW insta no seu informe ó Goberno iraquí a “actuar de forma urxente para por freo ós abusos das milicias e castigar ós culpables”, e lembra que “facer a vista gorda ante as torturas e os abusos poñen en perigo os dereitos e a vida de todos os iraquís”.
Dereito Internacional e sharia
A organización insistiu tamén en que o Dereito Internacional prohibe expresamente toda forma de tortura e de trato inhumano e defende o dereito á vida de todas as persoas. En canto á sharia, a lei islámica, HRW apuntou que esixe que se respecte a legalidade, as probas e a intimidade dos musulmáns.
"Remedio" contra a perda de "virilidade"
Segundo o testemuño dun dos milicianos que recolle o informe, as actuacións contra a comunidade homosexual están xustificadas porque son un “remedio” contra a transformación dos homes iraquís en persoas “afeminadas”. Ó seu xuízo, o feito de ser gay é “unha ameaza para a virilidade dos iraquís”.
Testemuños
As testemuñas que falaron para a ONG narran arrepiantes declaracións das torturas sufridas por eles mesmos ou por coñecidos, que inclúen mutilacións, violacións, insultos, golpes e toda clase de torturas.
As testemuñas que falaron para a ONG narran arrepiantes declaracións das torturas sufridas por eles mesmos ou por coñecidos, que inclúen mutilacións, violacións, insultos, golpes e toda clase de torturas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario