lunes, 23 de febrero de 2009

QUE NON VOLVAN !



A xeración de mozos e mozas que votamos este 1 de marzo, en contra do que levamos escoitado durante anos da boca dos líderes da dereita, temos un papel fundamental nos pasos que dé o noso país. E o sabemos. Isto significa que somos conscientes da responsabilidade que temos como cidadáns, como profesionais, traballadores/as ou estudantes. Pero sobre todo e ante todo, somos conscientes da responsabilidade que temos como persoas. Esta é unha das señas de identidade da nosa xeración. Somos a xeración do compromiso, da solidariedade, da cooperación, da sensibilización co medio ambiente, somos a xeración da comunicación sen límites. E isto nos fai diferentes.

Non, señores do PP(e digo señores porque a presenza feminina é testimonial na súa dirección) por moito que o repitan, non somos uns alborotadores, non somos uns festeiros temerarios, non é o bulling o deporte desta xeración. Sentíndoo moito, sabemos o que somos. Somos os que saímos a rúa a defender os dereitos humanos cada vez que a dereita enche as arcas de petróleo a cambio de manchar as mans de sangue. Nós, os irresponsables que só pensan en saír de troula manchamos as mans unha soa vez. E foi para recoller o chapapote que fería de morte as nosas praias. O que vostedes non vían, non querían ver.

Nós, a mocidade galega, ésa que vostedes desexan que quede sentadiña na casa para ver se as furnas baleiras lles devolven as súas taifas, non queremos máis política escura, non queremos máis sectarismo, non queremos máis visións estreitas da vida, visións que obvian a riqueza das diferencias, visións catastrofistas que nos din que se non seguimos cegos e calados o que eles nos din, estamos condeados a males infinitos.

Teño un convencemento persoal absoluto sobre o que move á xente e sobre como isto pode definir a todos e todas os políticos. En dúas clases. Hai dúas formas de facer política que deixan claro de qué están feitas as persoas que as exercen. Unha política que utiliza o medo, a que atemoriza, a que asusta para bloquear nas persoas os resortes da imaxinación, para apagalos e así manipulalos. A que quere tender unha lona de escuridade para que non vexamos máis alá. Seguro que se vos ocorren moitos políticos que encaixan nisto . Pero hai outra forza máis poderosa, a que define outra clase de políticos, máis difícil de activar, pero absolutamente imparable : a ilusión.

Utilizar o medo di moito da vileza moral de quen inxecta a negatividade na vida das persoas para levalas por onde lles convén. Como muller nova, como galega prefiro apelar ás posibilidades de medrar, a capacidade infinita das persoas para reinventarse e saír adiante. Quero luz, quero esperanza, quero solucións, equidade, xustiza, quero escoitar que non imos ser os de sempre os que paguen a desfeita de catro millonarios, quero palabras para as persoas… quero dignidade.

Quero, desexo, espero… que a abstención non nos devolva á Galicia da Longa noite de pedra. Que non desandemos o andado, que non teñamos que agochar a cabeza como país, que non..non…que non volva Galicia a ser o negocio particular de ninguén

Por Galicia, por todos e todas os galegos e galegas, o 1 de marzo dille a dereita que non esquecemos.


TAMARA CANOSA FERRÍO

No hay comentarios: