lunes, 9 de febrero de 2009
TEXTO DE YOLANDA CASTAÑO EN HOMENAJE A MARCELA Y ELISA
Marcela e Elisa plantáronlle cara a unha terra hostil e agora nós plantamos nesta terra unha árbore coas súas caras na memoria.
Foron tan valentes e implacables que non entenderían ser doutro xeito, e por non aceptar unha realidade que lles viraba a cara negáronse a ela e atrevéronse a crer nalgunha outra,
atrevéronse a ser quen elas eran,
a vivir como sempre soñaran.
Muros e culpas, rechazos e nons, nada diso servía ao seu rexo amor capaz das catapultas. Un amor invencible, con unllas e dentes, con picos e pás,
coma estas que hoxe embandeiramos nós para sementar este amor contracorrente,
para encravar este símbolo do amor diferente, indómito e sen casa;
para que medre a raíz da igualdade desigual na nosa cidade,
para que podan crecer as súas pólas e rachar os teitos que conteñan o noso aire, as nosas miras,
para que podan florecer nas follas a beleza da tenrura e nunca da condea e do prexuízo,
para que agromen os froitos desta lección de amor e liberdade nas nosas nenas e nenos.
Na árbore os corpos de Marcela e Elisa apertados para sempre, fundidos en resina, respirando no vento da cidade que as casara.
Elas tiveron que enmascarar o seu desexo, que non teñamos nós que agachar as nosas ganas.
Que medre esta árbore feminina que vale por dúas e vale por un cento.
Que se multiplique a súa coraxe, que loite pola vida.
E que queden para sempre, facendo humus na Coruña,
a historia das valentes que se atreveron a ser que eran,
a canción da liberdade, da forza e do trebón sen fórmulas
do inmensísimo amor de Marcela e Elisa.
Yolanda Castaño
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario