viernes, 29 de mayo de 2009

LAURA BUGALLO... E TODAS AS DEMÁIS



Laura Bugallo, activista, transexual, migrante nun mundo feito de opostos home e muller, leva anos axudando a outras migrantes de países diferentes, de xéneros diferentes aos aprendidos dende nen@s e que marca as vidas de tad@s nós por inclusión, lesbianas, gays, e desviad@s en xeral, que temos sido perseguidos e marxinad@s durante décadas e seguimos a selo (para mostra a marcha en Rusia do 16 de maio en Moscú) forzad@s a migrar das nosas casas e familias, das nosas cidades, dos nosos países... É aí onde entra en xogo a labor de Laura, como parte do sindicato CIG leva axudando a migrantes transexuais dende hai máis de 13 anos para conseguir unha vida, negada en moitos dos casos na súa propia terra.
Laura foi detida o martes en Compostela, acusada de falsificación de documentos séndolle requisados parte deles do seu posto de traballo no sindicato. As mostras de apoio non se fixeron esperar na rede, por sms, boca a boca. O mércores manifestáronse uns centos de persoas nesa cidade pedindo a liberdade desta traballadora polos dereitos de persoas que sofren o acoso de autoridades e leis que globalizan a crise e centralizan o dereito á vida. Finalmente foi liberada o Xoves a primeira hora da tarde, acusada de “falsificación documental continuada”.
Dende o colectivo LGTB 7Cores queremos amosar o noso apoio cunha colaboradora dos colectivos dobremente discriminados por motivos de sexualidade e xénero, como integrante e fundadora do grupo Transgaliza. A actividade que Laura levaba a cabo servía de moito a moit@s que, coma ela, tiveron que loitar por poder adquirir algo tan sinxelo como unha identidade coa que recoñecerse por dentro e fora. Temos que por sobre a mesa a situación que están a sufrir e levan sufrindo miles de transexuais en países con lexislacións moi severas e ríxidas que non facilitan os cambios de sexo, que non axudan a conseguir un estatus que por nacemento debía ser de tod@s, o de persoa. Entre moitos de exemplos están a autohormonación, o tráfico de sustancias que cambian o corpo, e como medio, o negocio da prostitución, o xeito máis fácil de manter controlado un sector de poboación que doutra maneira sería perigoso por mal visto, por cambiar conceptos morais arraigados nunha sociedade na que aínda hai que estar enfermo para poder escoller o sexo ao que pertencer. A disforia de xénero sigue sendo unha arma en manos do poder médico, que fai migrantes a quen non se quere quedar no seu corpo, e obriga a conseguir de xeito ilegal sustancias, operacións e formas de vida que poidan levar a unha persoa a vivir a gusto consigo mesma.
Afortunadamente Laura xa está libre, pero con ela están tod@s @s trasnsexuais que acabaron na cárcere froito de intentar conseguir diñeiro para as súas operacións, para as súas vidas precarias. Tras ser detida no seu posto de traballo, retida 48 horas na comisaría, interrogada e inspeccionada a súa casa, Laura foi absolta, falta por saber onde rematará a historia tras a revisión xudicial. Dende o colectivo LGTB do PsdG-PSOE manifestamos o noso apoio unánime a Laura, igual que a todas as persoas que ten axudado a conseguir papeis e traballo, porque como migrantes dentro das nosas propias vidas, sentímonos atacad@s na nosa dignidade.
Nelson G. Rodríguez Avilez
Grupo LGTB do PsdG-PSOE 7Cores

No hay comentarios: