Cada 17 de maio lembramos a fin da falacia científica que convertía as persoas homosexuais en enfermos mentais; desde aquel día de 1990, a comunidade médica deu o paso –no mundo do saber-, do escurantismo supersticioso á madurez humanista. Hoxe a ciencia procura coñecer máis sobre o ser humano para incrementar a súa felicidade, sen cualificar moralmente as súas circunstancias persoais, malia que aínda hoxe sexamos testemuñas de teorías pseudo-científicas coas que a homofobia e a transfobia tratan de enmascararse. Aínda hoxe seguimos a demandar a despatoloxización da transexualidade, que algúns tratan de manter.
Do mesmo xeito, no mundo do dereito pasouse da discriminación e a persecución legal xeneralizada (detencións arbitrarias, fustigamento, torturas, cárcere, desprotección fronte ás agresións de particulares e autoridades, aniquilamento en campos de concentración e pena de morte, situacións que aínda se dan en moitos países) á neutralidade da despenalización ou ao enfoque progresista e transformador da realidade que a lexislación sobre igualdade no acceso ao matrimonio ou o dereito á identidade de xénero procurou.
Queda aínda pendente na maioría das nosas sociedades o gran salto adiante na igualdade real, social e integral das persoas homosexuais, bisexuais e transexuais en todos os ámbitos:la educación, o mundo do traballo, o acceso igualitario aos bens e servizos, os medios de comunicación, a realidade rural, etc.
Reivindicamos a iniciativa do noso Partido neste sentido coa Lei de Igualdade de Trato e contra a Discriminación que o Goberno remitirá ás Cortes nos vindeiros meses, así como os Plans de Igualdade que leven adiante estas políticas en todos os ámbitos sinalados.
É o noso compromiso coa xustiza e coa continuidade do proxecto de dignificación da nosa sociedade levado a cabo polo Goberno e o Partido Socialista. Será tamén unha homenaxe a todas e todos os que nos precederon na loita pola igualdade, e a todas e todos quen, aínda hoxe, sofren violencia física ou moral, medo ou limitación imposta polas súas opcións de vida por causa do odio ignorante de quen perseguen ao amor e á liberdade.
Queremos especialmente denunciar o acoso homofóbico e transfóbico que se produce na escola, causa de un de cada tres intentos de suicidio en mozos e adolescentes.
Apostamos por unha educación que promova a diversidade sexual, e que impida a violencia e a discriminación cara os mozos lgtb, e facemos un chamamento a todas as institucións educativas a que impulsen con maior ahínco as medidas necesarias para facer dos centros educativos espazos seguros para a diversidade, así como o cese do boicot cara os contidos de Educación para a Cidadanía e cara a propia materia que veñen realizando, neste eido, os sectores conservadores.
Pero esta reclamación, tan próxima aos conceptos fundamentais de dignidade e igualdade esencial de todas as persoas, non debe verse limitado polas fronteiras. Debe ser universal e en nome de toda a Humanidade, así o cremos as mulleres e homes socialistas. Queremos respecto e liberdade para todas as persoas homosexuais, bisexuais e transexuais en todo o mundo, para que se globalicen os dereitos, a civilidade e mais o progreso, e non só os intereses privados ou os riscos globais. O papel de España na comunidade internacional e a súa acción en cooperación son claves para iso.
Por iso saudamos o inicio do proceso de recoñecemento público deste día mediante a aprobación por unanimidade do Congreso dos Deputados da proposición non de lei socialista que insta ao Goberno á súa proclamación oficial e a promover a súa celebración a nivel internacional, para concienciar a todos os pobos e mais aos seus gobernos do perigo do odio ao diferente, e do dano que se inflixe a un importante sector das súas poboacións cuxa felicidade, integridade e vida vense ameazadas acotío.
España, coa chegada do Goberno socialista, lidera este proceso, xa que gañou un estendido prestixio internacional como exemplo da loita contra a discriminación e pola igualdade, e sen dúbida contará para esta causa co apoio doutros gobernos progresistas de Europa, e de institucións europeas como a Axencia de Dereitos Fundamentais, que nun recente informe indicou a España como exemplo nesta materia.
Este impulso europeo só será posible se a correlación de maiorías no Parlamento Europeo se decanta cara a esquerda e consegue contrarrestar as continuas resistencias, votos en contra, cuestionamentos e críticas públicas, contra as francas e abertas campañas homofóbicas da ultradereita europea e dos seus compañeiros de viaxe do Grupo do Partido Popular Europeo, dentro do cal algúns eurodeputados populares españois significáronse tristemente como cabecillas das teses máis duras, homófobas e contrarias á igualdade. Un PP que a día de hoxe aínda segue a manter o recurso de inconstitucionalidade presentado á Lei que recoñeceu a igualdade e dignidade de gais e lesbianas, un partido que se opuxo ao recoñecemento do dereito á identidade de xénero das persoas transexuais. Por iso, neste día, novamente pedímoslle ao PP que retire o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei que recoñece o dereito ao matrimonio para toda a cidadanía.
Caer na trampa do discurso que desdeña as institucións e a utilidade do voto, que desalenta a participación e sementa a apatía, é renderse ao cinismo de quen buscan interesadamente o desentendemento político da cidadanía. A resposta cívica contundente está no mesmo acto que fixo posibles cousas inimaxinables ata hai moi pouco; está en exercer un dereito coa mesma alegría coa que exercemos outros que recentemente non podiamos gozar. A homofobia e a transfobia combátense militantemente, democraticamente, con activismo e con votos. Chamamos a toda a cidadanía e aos e ás militantes socialistas a celebrar con orgullo e lembranza este día contra a homofobia, e a transfobia e a erradicalas actuando en consecuencia en cada ocasión, en cada momento, todos os días.
A Coruña, a 17 de maio de 2009.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario