martes, 1 de diciembre de 2009

MANIFIESTO DO GRUPO LGTB DO PSdeG-PSOE NO DÍA MUNDIAL DA SIDA: ACCESO UNIVERSAL E DEREITOS HUMANOS



O grupo LGTB do PSdeG-PSOE no día mundial da SIDA, en consonancia coa campaña internacional da SIDA “Acceso Universal e Dereitos Humanos”, quere manifestar o seu compromiso cos dereitos humanos das persoas con VIH e expresar a súa firme
vontade de contribuír a dar unha resposta ao estigma e á discriminación que sofren estas persoas. Diversas investigacións levadas a cabo nos últimos anos en España, tales como o informe FIPSE (2005) sobre discriminación arbitraria das persoas que viven co VIH ou a SIDA, ou o estudo SEISIDA (2009) sobre actitudes da poboación española cara as persoas con VIH,
confirmaron que o prexuízo e o rexeitamento cara as persoas con VIH son unha realidade na nosa sociedade.

Este estigma é a raíz dunha serie de consecuencias e efectos que están a determinar a existencia de graves problemas sociais e sanitarios na actualidade. Entre eles están o illamento social e a dificultade de emprender un proxecto de vida familiar, social e/ou laboral en iguais condicións có resto da poboación.
Tamén están documentadas as enormes implicacións que o estigma ten na saúde pública, obstaculizando a prevención e o tratamento. O estigma e a discriminación actúan como promotores da invisibilidade do VIH, dificultando ademais a vixilancia epidemiolóxica da
infección e, con iso, a aplicación práctica de programas de prevención e control da infección.
É por iso que o grupo LGTB do PSdeG-PSOE quere insistir na necesidade de que as políticas que dan resposta á infección por VIH teñan unha visión e actuación integradora e global, contemplando as íntimas conexións entre o estigma, aprevención e o diagnóstico precoz da infección.
Manifestamos a necesidade crucial de protexer os dereitos humanos e acadar o acceso universal á prevención, tratamento, atención e apoio relacionados co VIH. Para as mulleres e homes socialistas alcanzar estes obxectivos é un imperativo de dereitos humanos. É fundamental que a
resposta mundial á pandemia se fundamente nos dereitos humanos e que a discriminación e as leis que castigan ás poboacións máis afectadas polo VIH sexan eliminadas.
Arredor de 84 países dispoñen de leis e políticas que son un obstáculo á prevención, tratamento, atención e apoio eficaces do VIH para as poboacións vulnerables e 59 países seguen a ter leis que limitan a entrada, estadía e residencia das persoas que viven co VIH baseándose unicamente no seu estado seropositivo, o que as discrimina na súa liberdade de movemento e dereito ao
traballo.
Así pois, instamos a todos os organismos responsables das políticas nesta área que integren nas súas actuacións esta visión global e se comprometan a velar para que se tomen as medidas axeitadas para a eliminación do estigma e a discriminación, así como a todos os países a cumprir
os múltiples compromisos que adoptaron para protexer os dereitos humanos, como a Declaración de compromiso sobre o VIH/SIDA de 2001 e a Declaración Política sobre o VIH/SIDA de 2006. O PSOE dedicará os seus esforzos a fomentar que desde as institucións se promovan actuacións que favorezan actitudes de solidariedade e respecto dos dereitos humanos das persoas que viven
co VIH.
Manifestamos que a sociedade civil e as persoas con VIH son unha forza radical para o cambio, recoñecendo que o seu papel é fundamental na resposta aos problemas asociados á infección por VIH. É por iso necesario contar coa súa participación en todas as fases das políticas relativas á infección por VIH.
Comprometémonos así mesmo a reforzar e potenciar o traballo dos organismos e institucións responsables das políticas no ámbito do VIH e manifestamos que dar unha resposta eficaz á infección por VIH e aos seus problemas asociados é unha prioridade na axenda deste partido.
No Día Mundial da SIDA, as mulleres e os homes socialistas, lembramos aos que faleceron a causa da SIDA; reiteramos o noso compromiso coas persoas afectadas polo VIH e a SIDA e alentamos e apoiamos a quen desde as organizacións sociais ou desde as súas
tarefas profesionais, traballan neste eido e dedican as súas vidas a dar unha resposta que reduza ou elimine o impacto desta epidemia e a garantir os dereitos humanos, o apoio e a atención das persoas seropositivas.


1 de decembro de 2009

No hay comentarios: