miércoles, 16 de diciembre de 2009

Zerolo pide ao Goberno de Irán a liberdade inmediata de Nemat Safavit


O Secretario de Movementos Sociais do PSOE, Pedro Zerolo, pediu ao Goberno iraniano que libere de forma inmediata a Nemat Safavit, canda polo menos outras once persoas, que foron condenadas a morte neste país islámico por seren homosexuais. “Pedimos novamente ao Goberno iraniano a suspensión das execucións e das condenas a morte en Irán como veñen denunciando diversas organizacións internacionais”.

Nemat Safavi, quen actualmente ten 19 anos foi arrestado na cidade de Ardebil, capital da provincia iraniana de Ardabil, no Acerbaixán iraniano, á idade de 16 anos, acusado de ter mantido relacións sexuais con outro home. Tras máis de dous anos de arresto no penal xuvenil de Ardabil, o Tribunal desta localidade sentenciouno a morte por forca polo delito de "lavat" (termo usado para os actos sexuais entre homes), en setembro de 2008. A súa sentenza de morte por forca está pendente de ratificación polo Tribunal Superior de Irán.

O dirixente socialista reiterou a condena do PSOE a esta fragrante violación dos dereitos humanos en Irán e salientou que esta condena a morte “supón unha violación dos compromisos internacionais subscritos por Teherán, sobre todo no referente ao Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e á Convención sobre os Dereitos do Neno que prohiben claramente a execución de menores”.

No hay comentarios: